'Un biolo na noite', peza gañadora do I premio provincial Microteatro da Memoria, estréase o 2 de febreiro
Por Redacción
O vindeiro mércores 2 de febreiro, o salón de actos do Pazo Provincial da Deputación acollerá a estrea da peza de microteatro 'Un biolo na noite', da dramaturga Ana Abad de Larriva, que gañou en 2021 o I Premio de Microteatro da Memoria organizado pola Deputación e a Escola Superior de Arte Dramática Galega.
A cita está prevista para as 19.00 horas e será aberta ao público coa necesidade de inscribirse previamente no correo memoriahistorica@depo.gal. As prazas serán adxudicadas por orde de chegada.
A representación de 'Un biolo na noite' será dirixida por Natalia Feijoo coas interpretacións de Mariña Lestón e Álvaro Lourido. A trama ofrecerá unha recreación de feitos reais relacionados coa historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui.
A súa vida transcorreu durante catro anos escondido nun oco da adega do domicilio da súa nai María. Alí falecía ao enfermar de tuberculose e foi enterrado en segredo para evitar represalias do franquismo. A figura de María é o eixo da historia desta peza sobre a Memoria Histórica.
Este evento contará cunha actuación musical e a entrega do galardón da edición de 2022, consistente nun agasallo institucional e 500 euros á dramaturga Sara Rey, que coa súa obra 'A patente do sol' vencía na segunda edición do certame.
O Premio de Microteatro da Memoria desenvólvese coa intención de que a xente nova se achegue, a través de novas linguaxes, aos acontecementos históricos da represión. A deputada deste departamento María Ortega destaca a importancia de promover a sensibilidade e ofrecer información sobre os feitos que se desenvolveron con motivo do golpe do 36 en Galicia.
Relacionadas:
-
O Certame de Microteatro de Memoria Histórica escríbese con letra de muller
Por Alba Feijoo Alonso |
-
En marcha unha nova edición do Certame de Microteatro da Memoria
Por Redacción |
-
A Deputación programa a ‘Foliada da Memoria’ en homenaxe á música represaliada
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
Haberá novos pases do microteatro 'Un biolo na noite' ante o éxito de público na estrea
Por Redacción |
-
'A patente do sol', de Sara Rey, peza gañadora do II Premio de Microteatro da Memoria
Por Redacción |
-
"É importante que haxa plataformas para visibilizar historias de memoria histórica"
Por Redacción |
-
Unha obra de teatro como homenaxe a unha muller que "abriu unha fenda de luz no medio da escuridade"
Por Oskar Viéitez |
-
Microteatro e banda deseñada para achegar a Memoria Histórica á mocidade
Por Oskar Viéitez |