"Os receitarios non teñen data, pero creo que van facéndoos ao longo da súa vida e que de non ser un documento privado estariamos a falar dun dos receitarios máis importantes do momento, á altura de Picadillo ou Pardo Bazán. Estarían no podio da gastronomía do momento", así explica Ángel Arcay Barral a transcendencia do legado documental co que comezou a traballar hai case unha década, cando tivo acceso ao Arquivo do Museo e ás receitas das irmás Concepción e María Mendoza Babiano, herdeiras e moradoras do Palacete das Mendoza.
Primeiro compartiunas a través dun blogue, posteriormente exposta a documentación en congresos dentro e fora de Galicia, recomendáronlle a idoneidade, case necesidade, de que esa herdanza culinaria quedase impresa en papel. Agora xa están editadas, o libro resultante chámase 'Las 1001 recetas del Palacete de las Mendoza' e presentarase este xoves 3 de febreiro no Museo de Pontevedra ás 19.30 horas.
No evento estarán algúns de colaboradores que engadiron as súas recensións neste libro, como o Mestre de Cociña do CIFP Carlos Oroza, Ricardo Fernández Guerrae o xurista e investigador Ernestro Vázquez-Rey. As achegas dos xornalistas gastronómicos Ana Vega e Jorge Guitián quedan para quen se achegue ás páxinas do libro.
Falamos con Ángel Arcay en PontevedraViva Radio. É licenciado en Historia con especialidade en Patrimonio Documental e Bibliográfico e máster en Historia e Patrimonio con especialidade en Arquivos. Do seu traballo de campo, extrae por exemplo que "elas cociñaban, non por obrigación, senón para as súas veladas sociais, festas ou para as amizades que visitaban o seu palacete"; que dispoñían de produtos pouco ou nada usuais nas cociñas da primeira metade do século pasado e tamén o seu elevado nivel cultural xa que utilizaban o francés, inglés ou alemán.
Quen xa adquiriron esta publicación abren un feedback co autor e envíanlle fotografías de receitas extraídas do libro. No podcast 'Cara a cara' sinala precisamente que estes receitarios poden abrir "a curiosidade e inquietude do lector para que indague en referencias, técnicas ou os propios produtos que utilizaban".
Se despois da lectura queda 'fame' sobre as irmás Mendoza, a finais de febreiro está prevista a apertura dunha exposición no Museo sobre "quen eran as mulleres máis modernas do século pasado en Pontevedra".