A Aula de Teatro do campus une persoas de diferentes idades na preparación dunha obra
Por Redacción
O pasado mes de novembro iniciaba a súa actividade a Aula de Teatro do campus. Aberta á participación de toda a cidadanía, esta iniciativa reúne desde entón un grupo moi heteroxéneo de persoas de diferentes idades.
O actor e director teatral Salvador del Río é o responsable dunha aula na que os 20 inscritos se inician no mundo do teatro á vez que preparan a montaxe teatral que esta primavera levarán á escena nas xornadas Miteu que se proxectan levar a cabo na cidade.
Os participantes nesta actividade, que se desenvolve todas as semanas na Facultade de Belas Artes, mantiveron na tarde deste xoves un encontro co vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, acompañados tamén polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo.
A actividade está dirixida a afondar nas diferentes fases "do proceso de posta en escena dunha montaxe teatral", partindo "desde cero", esta actividade formativa combina a realización de exercicios preparatorios, coa lectura e comprensión dun texto teatral, a encarnación de personaxes e o propio proceso de montaxe.
"Todos os puntos vanse tocar ao longo de todo o curso", salienta o responsable desta aula, que nas primeiras sesións puxo o foco nunha serie de exercicios preparatorios para fomentar a capacidade de concentración, memoria, expresión ou sentido do ritmo e que contribuíron "a facer grupo e tomar consciencia do corpo e do espazo".
Estas actividades, dirixidas a "espertar, o corpo, a voz e a emoción", como sinala Del Río, que lembra que "no teatro o primeiro que tes que facer é tomar consciencia do que fas". Os exercizos vanse combinando coa "lectura de escenas e análise de textos e personaxes" e outra serie de exercicios dirixidos a "moverse con soltura no escenario", nese obxectivo final de dar forma a unha obra.
Así mesmo, de xeito paralelo á preparación desta montaxe, a aula contará tamén coa participación de diferentes colaboradores de Teatro de Ningures, que permitirán aos asistentes observar de primeira man o proceso de traballo de diferentes oficios vinculados a unha montaxe, "como a escenografía, o vestiario ou a iluminación".
Centrada en afondar nas diferentes fases de preparación dun texto teatral, esta actividade terá como resultado final a montaxe que as e os participantes representarán nas xornadas Miteu, unha iniciativa que se proxecta levar a cabo esta primavera en Pontevedra. Así mesmo, tamén está previsto que a aula poida presentar o seu traballo nas mostras internacionais de teatro universitario dos campus de Vigo e Ourense.
"Representar é unha parte do proceso, o teatro non ten sentido se non ten o interlocutor", sostén Del Río, que incide en que, nese obxectivo "de recuperar o teatro universitario como un servizo para toda a cidadanía" dunha aula que naceu con vontade de permanecia, buscarase tamén que a obra poida presentarse noutras mostras de teatro universitario fóra da Universidade de Vigo.
Relacionadas:
-
A Universidade e o Concello seguen traballando xuntos para que "o campus faga cidade"
Por Redacción |
-
Broche de ouro á mostra de teatro universitario co debut da aula de teatro do campus
Por Redacción |
-
A Mostra de Teatro Universitario volve a Pontevedra tras máis dunha década
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Aula de Teatro do campus de Pontevedra recupera a súa actividade
Por Oskar Viéitez |
-
Abrir o campus a toda a cidadanía, obxectivo conxunto do Concello e da Universidade
Por Mónica Patxot & María José Pita |