Estudantes do IES Luís Seoane expoñen o resultado dun curso de fotografía
Por Redacción
O alumnado de ciclos do IES Luís Seoane inaugura esta semana a exposición de fotografía "Coa cámara na man" na que se exporá o resultado dun curso levado a cabo nos meses anteriores.
Trala realización dun curso de fotografía no centro, impartido pola profesional Andrea Fontán, o alumnado, moi satisfeito cos resultados, decidiu pór en marcha unha exposición na que se poderá ver unha selección dos mellores traballos baixo o título ‘Coa cámara na man’.
A exposición contará con tres espazos diferenciados. Por un lado, o espazo dedicado á selección de fotografías reveladas para a ocasión, un segundo apartado no que se proxectará un filme editado polo alumnado cunha ampla mostra de fotografías, e, por último, un escaparate creado especialmente para a ocasión, no que se integrarán algún dos instrumentos utilizados para as sesión de fotos.
O alumnado de 2º do Ciclo Superior de Xestión de Vendas organiza esta exposición na que se poderá apreciar o traballo de varios grupos da rama de Comercio e de Administración.
Así, os estudantes abandonaron por uns días o seu rol tradicional para mergullarse "coa cámara na man" no mundo da fotografía profesional.
Quen acuda á exposición poderá desfrutar de fotografías artísticas nas que o alumnado actuaron tanto como fotógrafos como modelos, e tamén de imaxes máis técnicas, centradas na fotografía de produtos. Precisamente, grazas á realización destas últimas, exporase na mostra o traballo realizado polas alumnas de 2º do ciclo dual de Comercialización de Produtos Alimentarios, que empregaron estas fotografías nas súas tendas en liña desenvolvidas dentro do módulo de Comercio Electrónico.
A mostra terá lugar no instituto, situado na rúa Luxemburgo, número 1, os días 24 e 25 de febreiro pola tarde.
Relacionadas:
-
O IES Luís Seoane celebra o Día Mundial da Poesía e a chegada da primavera cun poema adicado a Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
O Instituto Sánchez Cantón ingresará na Orde de Afonso X O Sabio coa categoría de Placa de Honor
Por Redacción |
-
O IES Luís Seoane analiza a organización de microeventos para a pequena e mediana empresa
Por Redacción |
-
Alumnado do IES Luis Seoane exercerá de xurado no Concurso de Escaparates de Nadal
Por Redacción |