A Biblioteca publica na web a ‘Guía bibliográfica Pontevedra literaria’ con obras ambientadas na cidade
Por Redacción
A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra xa ofrece na súa páxina web a Guía bibliográfica Pontevedra literaria, na que figura unha selección de obras de ficción cuxos autores ambientaron a trama na cidade do Lérez.
Actualmente, a guía conta con máis dunha vintena de títulos de escritores de diferentes épocas e estilos narrativos como Emilia Pardo Bazán, a académica Fina Casalderrrey, Luís Rey Núñez ou o conxunto de textos publicados en PontevedraViva polo autor Manuel Lourenzo González e publicados baixo o título 'Cegoñas no fondo da ría'.
Ademais desta proposta, a biblioteca dependente da Xunta en Pontevedra dedica a programación deste mes de marzo a varias celebracións como o Día internacional da muller; o Día da narración oral; o da poesía; e o do teatro.
Este venres 4 de marzo inícianse as propostas co obradoiro Impulso creativo, que se enmarca dentro do Día mundial da poesía, que chegará o 21 de marzo. Anias ofrecerá unha actividade para público adulto, consistente en buscar un libro na biblioteca que lles chame a atención. Despois de facer unha fotografía do exemplar, realizarase unha análise sobre as sensacións que xerou o primeiro contacto e cada participante deberá escribir unha carta a alguén descoñecido.
O día 11 chegará a quenda para escolares de entre 4 e 7 anos co tallar 'A que cheira a primavera?', un proxecto para estimular a vista, o tacto e o olfacto coa idea de coñecer herbas aromáticas. Comezará ás 16.30 horas.
Con motivo do Día da narración oral, o 20 de marzo, celebrarase outra proposta de contacontos ilustrados con 'O esquío rampante' a través da compañía Polo Correo do Vento. Será o venres 18 ás 18.00 horas. A actividade é para nenos con máis de tres anos.
O 27 de marzo será a celebración do Día mundial do Teatro e aproveitando esta data o venres 25 e o luns 28, a partir das 17.00 horas, Manuel Solla impartirá un curso de iniciación á arte escénica paa adultos. Durante estas sesións traballaranse técnicas de expresión corporal, clown, voz e relaxación, entre outras.
As mostras bibliográficas do mes proxectaranse sobre a celebración do Día Internacional da Muller. Realizarase unha selección de material dedicado á escritora María de la O Lejárraga, que se instalará no segundo piso da biblioteca entre o 7 e o 25 de marzo.
Tamén se poderá ver a mostra 'Pequenas grandes mulleres', destinada a público infantil, na que se poderán revisar biografías de mulleres de gran relevancia en diferentes especialidades.