O documental "O gran camiño" abre en Poio as proxeccións do ciclo Mestre Mateo
Por Redacción
Poio é un dos cinco concellos da provincia que participará na primeira edición do Ciclo Mestre Mateo. A través desta iniciativa a veciñanza poderá gozar de xeito gratuíto dunha serie de proxeccións ao longo dos vindeiros meses, nas que serán protagonistas as obras que resultaron finalistas na última edición destes premios
O Concello de Poio adheriuse a este programa pioneiro, que impulsa a Academia Galega do Audiovisual, en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A primeira das sesións terá lugar o vindeiro sábado 26 de marzo, a partir das 20 horas.
O documental "O gran camiño" será o encargado de estrear esta iniciativa no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, que será o escenario destas proxeccións que se repetirán mensualmente ata novembro, a excepción dos meses de xullo e agosto.
A entrada será gratuíta, se ben desde o departamento municipal apúntase que será preciso realizar unha reserva previa enviando un correo electrónico á dirección anotaculturapoio@gmail.com ou chamando ao 986770001.
A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, salienta a importancia de tomar parte neste tipo de programas, xa que, “por unha banda, permítenos ofrecer unha programación cultural de calidade á veciñanza e, ao mesmo tempo, poñemos en valor e damos visibilidade ao gran labor que realiza o audiovisual galego, que a día de hoxe é todo un referente a todos os niveis”.
As oito proxeccións, catro filmes e outros tantos documentais, iranse anunciando nos días previos ás datas das proxeccións. A edil agradece á Academia Galega do Audiovisual e á Deputación de Pontevedra a posta en marcha desta iniciativa, que confía en que “se consolide e poidamos gozar dela durante moitas edicións”.
"O gran camiño" é un documental narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo, entre as que se inclúe o Camiño de Santiago.