Os 'Camiños do Sur' arrancan a súa viaxe no Palacete das Mendoza
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra inaugurará este venres 18 de marzo a exposición itinerante 'Camiños do Sur'. Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo 'Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular', que pon en valor o patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas que descorren pola provincia cara a Compostela polo Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa.
Nun espazo de 150 metros cadrados, 'Camiños do Sur' difundirá información a través de cubos retroiluminados e taboleiros con deseños modernos, imaxes de gran formato e mobiliario contemporáneo. Nesta orixinal posta en escena presentaranse paisaxes, vilas, cidades, fitos históricos, persoas peregrinas e culturas ao carón dos camiños xacobeos.
Tras a estadía en Pontevedra durante catro semanas, a mostra continuará o seu percorrido pola provincia visitando a partir do 26 de abril Baiona, onde se situará na praza do Concello. Posteriormente, a partir do 2 de xuño, exhibirase en Tui, na sala municipal de exposicións do edificio Francisco Sánchez; dende o 9 de xullo estará en Redondela no Multiusos da Xunqueira; e rematará en Caldas, a partir do 17 de agosto, na praza do Camiño.
O proxecto 'Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular', no que se enmarca a exposición 'Camiños do Sur', conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros cofinanciados polo FEDER ao 75%. O seu principal obxectivo é impulsar o patrimonio do Camiño a través de infraestruturas nas vías cara a Compostela que atravesan o oeste da Península Ibérica, como son o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa, a Vía da Prata ou o Camiño Portugués.