Retallos de mundo: Koh Yao Noi
Por Xesús Constela
Nunca fun afeccionado a dicir que nalgún lugar que visitei descubrín algo semellante a un paraíso. É unha expresión que sempre evito utilizar, pero neste caso vou facer unha excepción porque, maila que a miña chegada se produciu baixo as choivas torrenciais dun teimudo monzón que se obstinaba en enchoupar o mundo, non fun quen de non caer prisioneiro dos fascinantes encantos que a illa de Koh Yao Noi e os seus habitantes foron despregando fronte a min en cada recuncho que ía visitando. Poucos lugares hai no mundo habitados por persoas que dean unha tan calorosa benvida aos visitantes e sempre estean dispostos a botar unha man cun amplo e sincero sorriso debuxado na cara.
A bordo dun vello barco de madeira cheguei ao peirao de Ta Manoh logo dunha travesía polo mar de Andamán que non puido ser máis fermosa, pois transcorreu a través dunha paisaxe inzada de formacións rochosas impresionantes, xa que Koh Yao Noi, "Pequena Illa Longa," e a súa irmá maior Koh Yao Yai, "Gran Illa Longa," están dentro dos arredor de catrocentos quilómetros cadrados de terra e mar que constitúen o parque nacional de Ao Phang Nga, no sur de Tailandia, que posúe os mangleirais máis grandes do país e na súa parte marítima está repleto de singulares illas e illotes de orixe cársica que emerxen das augas para crearen unha paisaxe singular e altamente suxestiva. Conta unha lenda local que foi un dragón mariño quen creou o estreito entre as dúas illas ao chocar contra elas mentres avanzaba polo mar moi enfadado ao saber que a súa prometida estaba casada con outro.
Dedicados á pesca, ao cultivo de froita e arroz e á extracción de caucho das moitas árbores que enchen a illa de exuberancia, en Koh Yao Noi, que apenas mide catro por doce quilómetros, viven unhas catro mil persoas que, a diferenza do resto de Tailandia, maioritariamente budista, son de relixión musulmá, motivo polo cal son moi poucos os lugares onde se vende ou se pode consumir alcohol, circunstancia que afortunadamente mantén afastado o turismo de masas nunha provincia, Phuket, onde as praias abarrotadas e os grandes hoteis son predominantes. En Koh Yao Noi tamén hai unhas poucas instalacións hoteleiras, pero pasan totalmente desapercibidas e non parecen exercer nin a máis mínima influencia sobre unha poboación que conserva o seu xeito de vida máis tradicional e non ten aparente intención de querer cambiar. Os turistas que ocupan eses hoteis só procuran un xeito de se relaxar nun entorno que en todo momento convida ao descanso e a facer actividades que permitan gozar da paisaxe, polo que non hai nada que perturbe a intensa calma que caracteriza o día a día de todas as aldeas da illa. Ese foi precisamente o motivo polo que decidín pasar alí uns días que realmente me souberon a gloria.
Apenas hai en Koh Yao Noi unhas tres ou catro camionetas para o traslado de persoas e mercadorías, polo que a xente se despraza a pé ou nun dos centos de ciclomotores que enchen de ruído a zona da estrada principal coñecida como The Market, pois é o lugar onde se concentra toda a actividade comercial. Alí están o banco, o supermercado, a mesquita, dous ou tres establecementos onde tomar algo e a única gasolineira da illa, que forma parte dunha tenda e consiste en varios barrís dos que unhas rapazas extraen o combustíbel a través dun tubo de goma para botalo nos vehículos. The Market é un lugar moi animado ao longo do día, pero cando chega a noite e todo está pechado convértese nun deserto no que resulta difícil cruzarse con ninguén.
Outros núcleos onde se concentra a poboación son unha serie de aldeas de pescadores que hai varias xeracións ergueron as súas casas de madeira sobre pontóns cravados no fondo da auga en medio dos extensos mangleirais para ver de se acubillar dos temporais. O máis importante destes grupos de casas é a aldea de Tha Tondo, que ten un peirao moi longo onde os mariñeiros atracan as súas ruea hang yao, unhas lanchas tradicionais que teñen un casco moi longo e ás veces un toldo para se protexer do sol ou da choiva e que para se desprazar usan vellos motores de automóbil adaptados que fan un ruído bastante molesto. Precisamente nun restaurante de Tha Tondo construído sobre o mar, non podía ser doutro xeito, probei en varias visitas uns deliciosos pratos de caranguexos e peixes da zona imposíbeis de identificar acompañados de arroz e verduras e aderezados con curry ou cuns mollos exquisitos, ás veces altamente picantes, elaborados con especias orientais.
Mais debo dicir que a experiencia máis gratificante que vivín en Koh Yao Noi foi unha viaxe na lancha dun pescador que me levou a través dun fascinante arquipélago de corenta e catro illas e illotes de diferentes tamaños pero todas moi pequenas e deshabitadas que se erguen a sorprendentes alturas sobre un mar dun azul que abraia e non deixan impasíbel a quen as visita.
Entre as varias paradas que fixemos ao longo do día houbo lugares que nunca poderei esquecer, como un pequeno arquipélago formado polas illas de Koh Hong, que acolle no seu interior unha pequena selva tropical chea de animais que parece sacada dun soño, e Koh Lao La Ding, que ten a unha praia fermosísima agachada no interior dunha baía.
Tamén fixemos parada en Koh Nok, que se me antollou unha desas illas desertas onde recalan os náufragos das películas, cunha extensa praia de areas clarísimas apenas pisadas polas aves mariñas, un bosque repleto de cocos na súa zona central e, o máis sorprendente, unha longuísima lingua de area de nome Hua Lam Haad, que a une a Koh Yao Noi na baixamar e permite cruzala a pé. O lugar ideal para deixar que a mente comece a soñar.
Visitamos moitos illotes fascinantes de nomes que non conseguín reter na memoria, pero houbo un que me deixou completamente abraiado, porque no interior das súas impoñentes paredes rochosas, cheas de vexetación, agochaba unha lagoa de augas de intensa cor turquesa á que puidemos acceder coa lancha para contemplarmos ducias e máis ducias de raposos voadores a durmir cabeza abaixo pendurados das pólas dunhas árbores enraizadas na propia rocha e que en ocasións batían as súas grandes ás para se refrescar da abafante calor que sempre vai nestas latitudes.
Koh Yao Noi é o lugar ideal para desconectar do mundo por completo, ben descansando nas súas fermosas praias aínda virxes, como Hat Pa Sal ou Hat Tha Khao, ben camiñando polas sendas interiores que entre outros lugares conducen á montaña de Khao Khuan Chuk, a máis alta da illa, ben parando para observar un impresionante solpor dende o peirao de Tha Tondo antes de cear os deliciosos pratos de peixe que se cociñan nos restaurantes locais.
Cando viaxaba no barco de regreso ao continente e vía como Koh Yao Noi e Koh Yao Yai ían ficando na distancia non puiden evitar levar nos meus pensamentos aquela vella canción de María del Mar Bonet que nunha das súas estrofas dicía algo así como que ás veces todas as illas da mar se collen da man para cantar e bailar.
Só desexo que durante moito tempo podan seguir a facelo.
© Xesús Constela, 2022
Relacionadas:
-
Retallos de mundo: Istambul, á procura do hüzün
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Central Park, Manhattan, Nova York
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: O delta do río Ebro
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Heidelberg am Neckar
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: As ruínas de Paestum, a antiga Poseidonia
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Essaouira, acuarela atlántica
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Terceira: a illa malva dos impérios
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: o Museo Británico: luces e sombras
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Templos hinduístas da illa de Bali
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: O Bierzo dos mil regatos
Por Xesús Constela |