A Mostra de Teatro Universitario volve a Pontevedra tras máis dunha década
Por Mónica Patxot & María José Pita
Tras doce anos de agarda, este mes de abril Pontevedra volverá a acoller a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU).
Por mor da crise económica, 2010 foi o último ano no que se celebrou este certame na cidade. O campus de Pontevedra tamén perdía a súa aula de teatro universitaria, que foi recuperada con éxito no presente curso académico, dirixida por Salvador del Río, profesional de longa traxectoria na dirección e na interpretación en grupos tan coñecidos como o cangués Teatro de Ningures.
Xunto a Salvador del Río, na presentación do evento que se realizaba este xoves na Casa das Campás, a sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, comparecían o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco; e a directora da Área de Dinamización Cultural do campus, Lali Agrelo.
A XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra conta co apoio do Concello de Pontevedra e desenvolverase no Pazo da Cultura entre o 20 e o 28 de abril.
Serán un total de catro representacións a cargo da aula de teatro da Universidade de Santiago (20 de abril), que abrirá o certame, e dos grupos residentes en cada un dos tres campus da Universidade de Vigo: aula de Ourense (21 de abril), Vigo (27 de abril) e Pontevedra (28 de abril). Todas as obras comezarán ás 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta.
PROGRAMACIÓN DA MITEU
O mércores 20 de abril abrirá a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra a aula de teatro da Universidade de Santiago (USC) coa posta en escena de A Casa da Forza, baseada nun texto de Angélica Liddell que aborda o feminismo no século XXI desde a crítica e o desencanto.
O Grupo Maricastaña da aula de teatro universitaria de Ourense representará o xoves 21 de abril a peza O Parke do Crepúsculo, na que se abordan os motivos que levan á xente a okupar unha casa deshabitada e se convida a unha reflexión sobre a xustiza social. Trátase dunha inspiración libre da obra de Paul Auster Sunset Park, publicada en 2010 e na que se contan as relacións e a vida dun grupo de persoas que viven como okupas nunha casa abandonada en Sunset Park, Brooklyn.
O mércores 27 de abril a aula de teatro universitaria de Vigo presentará Emigrados, unha obra realizada a partir dos textos de Anxos Sumai, Candido Pazó, Sonia Torre, Suso de Toro e Xosé Manuel Pazos que repasará diferentes situacións que se dan na historia das persoas e dun pobo cando se converten en inmigrantes, a través da ironía, a axilidade da linguaxe artística e un punto de vista de conciencia colectiva.
Pechará esta edición da MITEU o xoves 28 de abril a aula de teatro universitaria de Pontevedra coa escenificación de Nosa Señora das Nubes. A obra é orixinal do autor arxentino Arístides Vargas, quen tivo que exiliarse en Ecuador fuxindo da ditadura do xeneral Videla. Sobre esta base, escribe sobre o exilio nun ton metafórico que mestura realismo máxico e memoria.
Cun elenco composto por trece persoas, entre estudantes universitarios e veciños de Pontevedra de diversas idades, a peza arranca co encontro duns exiliados nun espazo e tempo indeterminado e, a partir de aí, van reconstruíndo o seu pasado lembrando os feitos que aconteceron na vila da que son orixinarios: Nosa Señora das Nubes. Segundo adianta o director Salvador del Río, trátase dunha reflexión sobre todos os movementos de exiliados, "hoxe con Ucrania e onte con Siria, por exemplo, que fan perder a memoria das túas raíces".
Relacionadas:
-
Buscan intérpretes para a Aula de Teatro do campus universitario
Por Anxo Lourido |
-
A Universidade e o Concello seguen traballando xuntos para que "o campus faga cidade"
Por Redacción |
-
Broche de ouro á mostra de teatro universitario co debut da aula de teatro do campus
Por Redacción |
-
A Aula de Teatro do campus une persoas de diferentes idades na preparación dunha obra
Por Redacción |
-
A Aula de Teatro do campus de Pontevedra recupera a súa actividade
Por Oskar Viéitez |