As fotografías da prestixiosa Cristina García Rodero recalan en Pontevedra
Por Diana Eiras & María José Pita
Este martes 12 de abril inaugurábase a exposición 'Terra de soños', que trae a Pontevedra unha selección de 40 instantáneas realizadas pola prestixiosa fotógrafa Cristina García Rodero (Puertollano, Ciudad Real, 1949), membro da axencia Magnum dende 2005 e Premio Nacional de Fotografía un ano despois, entre outros moitos recoñecementos.
O comisario da mostra, Josep Giralt, manifestaba a intención da propia artista de estar en Pontevedra, pero que a súa axenda de traballo na India impediuno. Lembraba, así mesmo, a forte vinculación con Galicia a través de viaxes continuadas durante 36 anos que plasmou no libro de fotografías Transtempo, con prólogo de Manuel Rivas.
Dunha estancia durante mes e medio visitando casas de acollida, hospitais e talleres en Anantapur, unha das zonas máis pobres da India, xorde este traballo. Nel retrátase a vida nas comunidades rurais e o activismo que a Fundación Vicente Ferrer leva décadas realizando para mellorar as condicións de vida. Nesta tarefa, as mulleres xogan un papel fundamental, tal e como se recolle nas fotografías, desde os coidados e o traballo para sacar adiante á familia ata as súas reivindicacións reclamando o espazo público.
Xunto ás mulleres, García Rodero retrata a nenos e nenas e persoas con discapacidade, que representan o máis vulnerable da sociedade india.
O comisario da exposición sinalaba que "nacer na India cunha discapacidade provocaba ata hai pouco tempo que os nenos fosen abandonados ou apartados nun recuncho da casa" e que grazas a ONGs como Vicente Ferrer esta realidade está a cambiar. Tamén os casos de matrimonio infantil que, aínda que están prohibidos por lei, seguen realizándose e por iso é tan importante a acción dos movementos sociais para erradicalos.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, destacaba a importancia de que a obra dunha fotógrafa da categoría de Cristina García Rodero poida contemplarse en Pontevedra e nun espazo aberto e accesible porque "a cultura debe estar na rúa, que é o espazo público de convivencia, democrático, que nos iguala a todos".
A exposición 'Terra de soños' estará na praza de España ata o 11 de maio. Haberá visitas guiadas para as que non é necesaria a inscrición previa os sábados ás 18:00 horas en galego e os domingos ás 12:00 horas en castelán. Pola noite, os paneis coas fotografías estarán iluminados.