Unha vintena de profesionais formaranse a partir de xuño nos museos xestionados pola Xunta
Por Redacción
Unha vintena de profesionais formaranse a partir de xuño nos museos de xestión autonómica de Galicia, como é o Museo Massó, ao abeiro da convocatoria publicada pola Xunta. O Diario Oficial de Galicia publica a listaxe de beneficiarios desta medida, que conta cun orzamento de 114.000 euros.
A formación realizarase durante seis meses prorrogables por outro período igual.
Trátase de persoas tituladas en Historia de Arte e en Arqueoloxía, así como en conservación e restauración de bens culturais nas especialidades de Arqueoloxía e Pintura ou Escultura. As actividades formativas que van desenvolver inclúen traballos de documentación, con prácticas de rexistro, inventario e catalogación das pezas, e de difusión, con preparación de exposicións e material divulgativo, busca de información e preparación e realización de visitas guiadas, participación e colaboración en obradoiros e outras accións.
Tamén poderán formarse en actividades relacionadas coa didáctica, preparación e elaboración de fichas, e atención a usuarios. O obxectivo é proporcionarlles unha formación teórico-práctica que contribúa a completar o currículo académico. O importe bruto que percibirá mensualmente cada beneficiario ascende a 950 euros.