O IV Concurso de Música Tradicional Soalleira celebrarase o vindeiro 8 de maio
Por Redacción
O Auditorio do Pazo de Emilia Pardo Bazán acollerá o vindeiro 8 de maio a cuarta edición do Concurso de Música Tradicional Soalleira. Unha cita que recupera a súa data habitual no calendario municipal e que contará cunha alta participación con 38 grupos de 21 asociacións procedentes, por primeira vez, das catro provincias galegas.
A Asociación Cultural Soalleira acadou nestes últimos anos unha gran proxección no mundo da música tradicional galega impulsada, entre outros eventos, por este concurso que permite en cada edición amosar a calidade e talento musical dos grupos. Esta cita enmárcase dentro do programa Sanxenxo Fala promovido pola Concellería de Cultura, dirixida por Paz Lago.
Nesta cuarta edición, os grupos inscritos repartiranse en 4 categorías: A (ata 10 anos), B ( de 11 a 13 anos), C (de 14 a 17 anos) e D (de 18 anos en diante). Os participantes contarán cunha carpa no exterior para poder ensaiar, cambiarse de vestiario e seguir a través dunha pantalla o transcurso do concurso.
Para os que non se poidan achegar poderán seguilo vía streaming a través do canle de Youtube de Soalleira como xa se fixo na anterior edición.
En total, entregaranse 3.500 euros repartidos en tres premios por cada unha das categorías e dous accésits de vestiario.
"Dende a suspensión case total de eventos culturais no ano 2020, pasando por un 2021 con algunha que outra celebración, pero con moitas restricións, dende a Asociación Cultural Soalleira, sentímonos moi orgullosos de chegar a celebrar a IV edición do noso concurso nunha normalidade case total", apuntan dende a asociación.
A concelleira de Cultura sinala que "é un pracer e un orgullo poder colaborar con proxectos tan interesantes como o concurso de Soalleira no que se reivindica a cultura tradicional con talento e maestría como se desmostra en cada edición do concurso".
Relacionadas:
-
Mes de maio adicado en Sanxenxo á cultura galega con teatro, música, baile e poesía
Por Redacción |
-
O público encheu o Pazo de Emilia Pardo Bazán para seguir o concurso de Música tradicional de Soalleira
Por Redacción |
-
Soalleira, o concurso de música tradicional, regresa a Sanxenxo este domingo
Por Redacción |