Sábado artístico solidario na Praza Massó grazas a 'Art for change' co obxectivo de apadriñar unha balea
Por Redacción
A ciencia e a arte daranse a man este sábado na Praza Massó, epicentro da primeira edición do Festival Artístico Solidario 'Art for Change', un evento organizado polo IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu.
A partir das 11.00 horas desenvolveranse diferentes actividades para achegar cuestións relacionadas coa ciencia e con experiencias artísticas á cidadanía. A proposta centrarase especialmente na reivindicación das mulleres na sociedade.
Este xoves, Félix Juncal, alcalde de Bueu; e Xosé Leal, concelleiro de Cultura e Ensino presentaban con Asun Sóñora, directora do IES Johan Carballeira, este proxecto cuxo antecedente se atopa a Feira da Ciencia e da Literatura, que naceu hai catro anos.
A proposta para este sábado inclúese na iniciativa educativa Twinning Oceans of Culture, Culture Of Oceans (OCCO) e as persoas asistentes poderán visitar a carpa na Praza Massó onde se establecerán postos para que o alumnado mostre experimentos e ofreza xogos sobre o coñecemento, ademais de propostas para visibilizar o labor da muller na sociedade.
A maioría das accións céntranse sobre os océanos e na concienciación ambiental pero tamén se poderán observar elementos como Impresora un 3D e unha mesa sobre a vila.
Tamén se poderán observar varias exposicións noutros espazos municipais do centro urbano como a Sala Amalia Domínguez Búa, na que se ofrecerá unha mostra fotográfica de mulleres vinculadas ao mar. Outra mostra sobre Lingua galega e matemáticas presentarase na Praza de Abastos, mentres que na Sala Multiusos do Centro Social do Mar atoparase unha exposición de plástica.
Algunhas librerías do municipio tamén terán dispoñibles pequenas mostras e a hostalería tamén participará coa exhibición dun mantel deseñado para este evento. As propostas que se desenvolvan contarán con pictogramas porque a intención da organización é traballar tamén pola inclusión.
Desde primeiras horas da mañá, os exteriores do Centro Social do Mar acollerán a elaboración dunha alfombra floral elaborada por alumnado e con temática mariñeira. A poeta de Bueu Miriam Ferradáns ofrecerá ás 13.00 horas un recital poético.
A partir das 16.00 horas presentarase o proxecto 'Wscientifics', que será seguido pola actuación de 'As mosas do Hío'. Os escolares terán a oportunidade de participar en dous talleres no Museo Massó: 'O canto das baleas' e 'A Balea'. Para participar é necesario que se inscriban previamente a través do correo museo.masso@xunta.gal ou chamando ao 886.151.101.
Toda a actividade finalizará con concertos no exterior do Centro Social do Mar cos grupos Napalm, Dianho, Peis D’Hos e alumnado do IES Frei Martín Sarmiento.
O evento ten como finalidade apadriñar unha balea. Desde o IES Johan Carballeira indican que esta acción supón colaborar cos proxectos de investigación e formación que permiten ampliar coñecemento sobre a conservación da biodiversidade mariña. Os beneficios que se obteñan coas actividades repartiranse entre o centro de investigación do medio mariño BDRI e a ONG Pallasos sen fronteiras - Peter Punk.
Relacionadas:
-
Bueu prepárase para acoller a terceira edición do festival artístico solidario Art For Change
Por Redacción |
-
O IES Johán Carballeira acollerá o II Festival solidario e artístico Art For Change
Por Álvaro Arosa Barco |
-
O Museo Massó abre os seus fondos de cartografía marítima histórica
Por Redacción |
-
Greenpeace reivindicará a protección dos océanos en Vilagarcía o vindeiro sábado
Por Redacción |