Silvia Rodríguez Coladas naceu en Pontedeume, estudou e viviu a primeira mocidade en Madrid e unha decisión dos seus pais vincularíaa definitivamente a un pazo, A Saleta, en Meis. "Vivindo alí xurdiume a necesidade de escribir", explica no podcast 'Cara a cara' para referirse á súa primeira novela, recentemente publicada: 'Bosquesanto'. Preséntase este venres 6 ás 20.00 horas no Espazo Nemonon de Pontevedra, o 12 de maio na Coruña e o 19 de maio en Madrid.
É unha novela negra situada no norte peninsular e aderazada desa tan galega retranca: "non me custou, porque sempre tiven esa retranca que debo levar nos xenes. Todo o que escribín estivo impregnado de humor, non son capaz de escribir toda seria. Sáeme así". E é que, se extrapolamos ao mercado musical, pódese dicir que este é o primeiro 'elepé' de Silvia Rodríguez, pero editou moitos 'epés' a través de colaboracións en diversas publicacións ou o seu propio blogue.
Hai outro elemento que introduce en 'Bosquesanto' e é o ecoloxismo, ou máis ben o paroxismo do ecoloxismo; cuestión que dá para falar no programa da imposición ecoloxista ou ecoloxía impostada que marca o momento e a sociedade actual. Argumenta e defende o vínculo e o respecto cara á natureza con absoluto convencemento e acción diaria.
Gústalle recuperar palabras en desuso, algo que segue facendo nas súas colaboracións literarias e tamén lle gustan os refráns galegos. Ten en mente xa outra novela de ficción "un pouco vampírica, pero baseada en dous feitos históricos" e outro libro de non ficción "que me vai a saír a gallarón e será moito máis rápido, un libro de autoaxuda para urbanitas". Máis nada que engadir, o resto da trama está no podcast de PontevedraViva Radio.