Crowfunding para editar un disco coa memoria musical de Bueu
Por Natalia Puga
A Asociación Cultural Retrouso de Cela meteuse de cheo na aventura do crowfunding. Busca mecenas entre os internautas para o seu proxecto 'Elelelos', un traballo discográfico no que reunirán nun dobre CD o froito de quince anos de recolleitas de campo a persoas maiores de Bueu. Converteríase nunha recopilación de parte da memoria musical do municipio, pero, para poder sacalo adiante, necesitan recadar 3.600 euros. A recadación vai a bo ritmo, pero son precisos aínda máis apoios.
O primeiro dos dous discos recolle as mellores gravacións realizadas durante 15 anos con pezas tradicionais deste área de O Morrazo, da que destacan que "abarca a riqueza na pandereta da Illa de Ons, gaiteros da Portela e de Cela, tocadores de harmónica en Cela e a riqueza melódica de áreas como Beluso, Xexide ou Ermelo". Todo isto glosado no libreto con datos dos informantes e unha breve explicación técnico musical.
O segundo disco ten máis vocación de homenaxe. ÿ un tributo de Retrouso a "estes informantes e ás músicas que nos transmitiron", con doce cancións interpretadas en base ao explicado polas persoas maiores e "engadindo pequenas pinceladas en coherencia con elas".
Retrouso financiou inicialmente a gravación do disco homenaxe e está traballando na selección de cortes do disco de recollidas. Á hora de suscitar a súa demanda de fondos a través da plataforma Verkami estableceu dous pasos no proceso de recaudación.
O primeiro fito, que acaban de cumprir, implicaba recadar os 1.600 euros necesarios para o proceso de edición e mellora de todos os audios e a xeración do libreto e as copias dos discos. Con esta recadación, o proxecto está garantido, pero agora piden un novo esforzo de mecenazgo para poder dar o paso final. Consiste en recadar os 3.600 euros necesarios para todo o proxecto, pois a asociación xa adiantou 2.000 euros.
Cunha achega mínima de seis euros, calquera pode converterse en mecenas deste traballo discográfico, no que agradecen a colaboracion de Gaspar Broullón na creación do vídeo e do debuxante Luís Dávila no deseño dunhas 'Retrocamisetas'.
O calendario que se marcou Retrouso implicaría que todas as copias do dobre CD estean listas e distribuídas entre os colaboradores en febreiro de 2014. Quen fagan achegas maiores recibirán tamén 'Retrocamisetas'.
As aportacións poden realizarse neste enlace.