Espazo +60 Afundación Pontevedra representa este martes 'El kiosko'
Por Redacción
A obra cómica 'El kiosko' poderá gozarse este martes 10 de maio a partir das 19.00 horas na Sede Afundación Pontevedra grazas á montaxe que realiza Espazo +60 Afundación, unha agrupación integrada por persoas veteranas con moi bo humor.
O elenco interpretativo está formado por Celia Bermejo, Teresa Casal, Sindo Fernández, Jeremías Ferrero, Rosa Fuentes, Marga Gómez, M.ª Carmen Gómez, Paco Martínez, Teresa Narciso, Pilar Pastor y Elisa Prieto, baixo a dirección de Margarita García.
A entrada é gratuíta, previa recollida de invitacións no Espazo +60 Afundación de Pontevedra, no Café Moderno, ou na entrada ao recinto. Ademais, a función encádrase na iniciativa solidaria 'Cultura por alimentos' que se realiza en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. Desta forma, as persoas que acudan poden achegar lotes de comida que irán destinados ao banco de alimentos local tanto na entrada ao auditorio de Afundación como cando recollan a invitación.
A agrupación vén desenvolvendo un labor artístico desde o ano 2001 con numerosas actuacións. Nestes momentos está formada por unha ducia de integrantes da contorna de Pontevedra. A obra foi estreada o 1 de marzo deste ano no mesmo escenario con gran éxito de público.