Palabriñas en Caldas para fomentar o uso da lingua entre a cativada
Por Redacción
Os centros de educación infantil e primaria de Caldas de Reis puideron traballar leste mesmo xoves co libro 'Palabriñas da nosa lingua', que publica e distribúe o propio Concello coa intención de fomentar o uso da lingua entre os escolares máis pequenos.
Este libro contén aqueles elementos de expresión máis habituais como os animais, os meses do ano, as partes do corpo e outras palabras comúns no uso diario. María López, concelleira de Cultura, indicaba que este libro convértese nunha ferramenta lingüística para desenvolver un labor de sensibilización en familiares e contorna dos escolares en relación coa aprendizaxe e formación en galego.
Esta proposta faise dentro do programa previsto para estes días con motivo da celebración da Semana das Letras Galegas, que se inicia este venres cunha sesión de contacontos na Biblioteca a cargo de Caxoto.
O sábado 14 celebrarase un concerto a cargo da Banda de Música Municipal na praza das Palmeiras, a partir das 20.00 horas, organizado pola asociación Mariñoleira.
Durante os días 16 e 17 haberá animación polas rúas a cargo dos grupos locais As Espiñas e fanfarria Furruxa. E xa o domingo 22 finalizarán os actos cun concerto da Escola de Instrumentos Populares 'Suso Vaamonde' que se desenvolverá na praza das Palmeiras, a partir das 20.30 horas con entrada libre.