O Museo de Pontevedra celebrará o Día dos Museos con visitas comentadas e tres concertos de artistas noveis do Estudo Bonobo
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Cesar Mosquera, anunciou que o Museo de Pontevedra sumarase o próximo 18 de maio á celebración internacional do Día dos Museos, unha iniciativa do Consello Internacional de Museos (ICOM).
Mosquera explicou en rolda de prensa que con esta ocasión preténdese explorar o potencial que teñen estas institucións para provocar cambios positivos nas súas comunidades por ser lugares incomparables de descubrimento, que ensinan sobre o pasado e abren as mentes a novas ideas.
A programación en Pontevedra incluirá un festival musical con artistas noveis do Estudo Bonobo. O primeiro concerto, de nenos de entre 4 e 6 anos de idade, levará por título ‘Ritmo na lúa e Noise in the Jungle’. Esta actividade farase na ‘zona 0’, o vestíbulo do primeiro andar do Edificio Castelao ás cinco da tarde.
O seguinte concerto do día será ás 19.30 na praza de entrada do Edificio Castelao. Haberá unha actuación da banda do proxecto Rocklab con cancións propias do alumnado de 10 a 12 anos e un concerto de Rebel Spirits, a banda feminina de rock que naceu na escola Estudo Bonobo.
Finalmente, xa ás 21.30 horas, no Claustro do Edificio Sarmiento, será o momento para o concerto de Thom Archi, cunha mistura de ritmos urbanos, melodías pop, rap e música dance electrónica.
Ademais haberá visitas comentadas sobre a fonte que está instalada nos xardíns de Casto Sampedro e que, a pesares de estar nun lugar público, pertence aos fondos propios da institución provincial. Serán ás 12 e 13 horas pola mañá e ás cinco e ás seis da tarde, sendo o punto de encontro a propia fonte.
Xunto a todas as actividades presenciais e abertas ao público, o Museo tamén vai compartir nas redes sociais un vídeo titulado ‘O Poder dos Museos’ no que participan persoas moi vencelladas á institución, dende artistas a persoal, así como outras da comunidade máis próxima: veciñanza e comerciantes da contorna que explican os seus sentimentos para co Museo e como este inflúe na súas vidas.
Nas redes sociais do Museo tamén se emitirán pequenos vídeos en forma de ‘pílulas’ nos que participan máis persoas da cidade, entre eles por exemplo persoeiros do Pontevedra CF, alumnado da profesora Carmen Quinteiro, Polo Correo do Vento, Migallas Teatro, Kiko da Silva, Xavier Fortes, Iria Pinheiro ou Manuel Jabois, ademais de representantes institucionais da Deputación, o Concello ou a Real Academia Galega.
Relacionadas:
-
Celebración do Día dos Museos cun vídeo sobre o efecto local do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Presentadas 49 candidaturas ao Certame Novos Valores do Museo
Por Redacción |
-
Asinan o convenio para a cesión dos terreos necesarios para a unión subterránea dos edificios do Museo
Por Manu Otero |
-
"Gromos" encherá de música este venres as ruínas de San Domingos
Por Redacción |