O órgano de Santa Clara soará en público o vindeiro martes nun concerto con entrada libre
Por Diana Eiras & María José Pita
Dentro da programación de ‘Híbridas en Santa Clara’, o concerto do vindeiro martes 17 de maio, ás 20 horas, será unha oportunidade única para escoitar os sons dun instrumento ata agora reservado para as monxas de clausura.
O órgano de Santa Clara volverá soar dentro da antiga igrexa a través dun espectáculo divulgativo e musical que o Concello de Pontevedra organiza xunto coa colaboración da Orquestra Clásica de Vigo.
Unha cita única, que porá en valor o instrumento gardado en depósito, e que permitirá escoitalo dun xeito público a toda a veciñanza. "Nótase que foi un órgano de diario, ata ten as pegadas das mans da persoa que se encargaba de tocalo", apuntaba o director da Orquestra Clásica de Vigo, Manuel Martínez Álvarez-Nava durante a presentación deste evento.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestaba que "o martes, Santa Clara ofrecerá un deses intres que pasarán a historia de Pontevedra, ao poder asistir a posta en marcha, de novo, do seu órgano".
"Este órgano é un dos tesouros que agocha Santa Clara. Para moitos é posíbel que sexa a xoia da coroa, o obxecto máis valioso que contén. A través del simbolizaremos un novo tempo para este lugar, un novo tempo de cultura aberta a Pontevedra, un novo tempo para este espazo que xa convertemos nun escenario único na nosa contorna e que seguiremos mantendo no tempo", declaraba o rexedor pontevedrés.
Lores lembraba que se ben o órgano non é de propiedade pública, si existe a obriga de coidalo e non deixar que este quede agochado ou esquecido, polo que o Concello traballará nun proxecto para rehabilitalo no futuro, ademais de contemplar a posibilidade de mercalo, como xa fora comentado noutras ocasións, "co fin de mellorar o seu son e lograr que perdure neste espazo, polo menos, outros centos de anos".
CONCERTO HISTÓRICO
En canto ao concerto, o director Manuel Martínez Álvarez-Nava explicaba que Daniel Sanmartín, organista e musicólogo pontevedrés que reside neste momento en Roma, será o encargado de facer soar o instrumento, xunto con outros membros da agrupación viguesa. "Esta é unha oportunidade única porque o collemos como algo moi especial, xa que desde o principio, desde que se soubo que o convento ía ser mercado polo Concello, Daniel (Sanmartín) tratou de poñerse en contacto con este para falar, para poder facer algo co órgano… Hai verdadeira paixón detrás desta cita", explica Martínez.
"Este concerto é unha proposta divulgativa na que queremos darlle a entender ao público da cidade de Pontevedra que é este órgano e así coñeza parte do seu patrimonio, que poida valoralo. Este órgano é unha xoia, unha auténtica xoia. A maioría dos órganos ibéricos que datan de finais do século XVIII desapareceron da nosa contorna. Na provincia de Pontevedra só temos dous exemplos deste tipo: este, o de Santa Clara, que quedou ao marxe grazas a estar no convento de clausura; e o da catedral de Tui, pero ese enmudeceu, era un órgano dobre, un perdeuse e o outro fíxose de novo nos anos 90.. Polo tanto, o único órgano barroco da provincia é este", explicou o director.
O concerto irá da man dunha presentación que fará Daniel Sanmartín, que explicará o programa, para logo interpretar unha serie de pezas sempre tendo en conta as posibilidades actuais do órgano, que presenta nalgúns elementos certo deterioro polo paso do tempo. O programa comezará cunhas sonatas de Mozart, seguido dunha sinfonía de Andrea Luchesi, para rematar cunha obra de Philip Glass "para dar unha variedade que permita entender que un órgano non só serve para tocar música histórica, senón moitos outros tipos".
A concelleira de Festas, Carme da Silva, explicou que o público permanecerá sentado na parte inferior da igrexa, como no resto de espectáculos, namentres os músicos estarán situados no coro alto, aproveitando a resonancia natural do edificio, tal e como se fixo historicamente. Para comodidade e curiosidade dos espectadores, será habilitada unha proxección na parte baixa, na que poderán seguir o que acontece no coro alto, e non perder detalle da interpretación musical que está a suceder na parte superior da antiga igrexa.
Como todos os espectáculos de ‘Híbridas en Santa Clara’, a entrada será gratuíta até completar aforo, sen necesidade de reserva.
Relacionadas:
-
'Por unha peseta', as Híbridas en Santa Cara con máis retranca
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
VÍDEO.- O luns comezarán as exhumacións das clarisas enterradas no cemiterio de Santa Clara
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Daniel Sanmartín volverá facer soar o órgano de Santa Clara: "Non está para moitos trotes"
Por Manu Otero & Diana Eiras |
-
Así é "Híbridas en Santa Clara", o "agromar" do antigo convento como referente cultural
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Santa Clara contará co "maior e máis completo" estudo arqueolóxico da historia de Pontevedra
Por Redacción |