Peter Bagge, autor do popular cómic underground 'Odio', visita Pontevedra: "Mataría os superheroes"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Acaba de chegar a Pontevedra e di sentirse como na súa casa de Peekskill, pola choiva e as paisaxes verdes. Peter Bagge é un dos debuxantes máis representativos dos anos do "grunge", na década dos 90. A súa obra 'Odio' ('Hate'), na que conta as historias de Buddy Bradley, converteuse nun referente para a mocidade norteamericana, pero tamén para a española con tradución de Hernan Migoya.
Así o puido comprobar durante a xira que realiza durante este mes de maio por diferentes localidades españolas, organizada por La Cúpula, a editorial que publica os seus traballos. Durante estes días aproveitará para facer visitas a diferentes zonas das Rías Baixas coa súa muller para probar viño Albariño e o mércores manterá un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; asinará obras na Libraría Paz a partir das 18.00 horas e será o protagonista da exposición que se inaugura esa xornada no Pazo da Cultura baixo o título 'Todo o mundo é imbécil menos eu'. Será a primeira vez en que a súa obra convértase en obxecto dunha exposición destas características en España. Segundo manifestou o autor este luns ante os medios, en 2017 realizouse unha mostra pequena en Getxo, pero a que será comisariada polo ilustrador Kiko da Silva e ocupará a sala de exposicións do Pazo da Cultura será todo unha sorpresa, cun espazo dedicado para que os visitantes poidan ler os seus libros.
Durante este mes xa recibiu ovacións durante as súas visitas a Barcelona, Valencia e Madrid. "Foi moi emocionante e moi inesperado", indica Baggle, que non termina de entender por que en España a súa obra mesmo ten mellor acollida que en Estados Unidos. Cre que o traballo desenvolvido por Migoya na tradución pode atoparse tras este éxito.
Peter Baggle comezou a ler cómics a través do seu irmán maior, iniciándose na lectura das tiras cómicas de Carlitos e Snoopy. O seu irmán debuxaba e el tamén se afeccionou a esta actividade artística. "O meu irmán tiña un don para facelo divertido, eu non tiña esa habilidade", confesa, pero cando o seu irmán deixou o lapis Peter continuou logrando o éxito dentro do mundo underground con 'Odio'. Durante as últimas dúas décadas abandonou estas historias pola non ficción, realizando traballos sobre biografías de mulleres, un labor que lle provoca gran satisfacción porque lle gusta ler e aprender sobre outras persoas como sucede con 'Fire!! La historia de Zora Neale Hurston' e con 'La mujer rebelde: la historia de Margaret Sanger'.
Consello de Bagge aos novos creadores: "Se non lles gusta o que están a facer, non vale a pena"
Buddy, o seu personaxe máis soado, foi envellecendo con el. casou, tivo un fillo, fíxose cada vez máis excéntrico, pero "as vendas ían baixando" e, a pesar de que o autor tiña moitas ideas para desenvolver con esta creación, "as vendas mandan". Por iso resúltalle curioso que en España sempre lle pregunten sobre esa obra, algo que en Estados Unidos non sucede. Alí só se interesan pola súa última publicación pero non sobre o seu pasado.
Este debuxante indica aos mozos ilustradores que crean no que fagan e sexan eles mesmos nos seus inicios profesionais. "Se non lles gusta o que están a facer, non vale a pena", asegura. Con este consello, Bagge sostén unha premisa arriscada: "mataría a todos os superheroes". Confesa estar canso de que o gran público entenda o mundo do cómic limitado aos superheroes e moléstalle especialmente que as películas destes personaxes dominen o mercado. Precisamente, diferentes plataformas hanse interasado polos seus traballos ao longo das últimas décadas para crear series ou películas de animación pero eses proxectos de desenvolvemento nunca frutificaron. "Unha pena", afirma "porque me pagaban moi ben". Entende que a causa se atopa en que esas propostas "non pasaron o funil porque hai moitos proxectos e só pasan uns poucos".
É seguidor do autor barcelonés Max, porque tivo oportunidade de ler a súa obra traducida, e de obras como 'Carne de cañón', de Aroha Travé, un traballo que considera moi do seu estilo "underground". Indica que non le manga pero recoñece que grazas a estas obras as mulleres incorporáronse ao cómic. "É unha porta de entrada ao cómic en xeral", asegura este autor de 64 anos que segue ofrecendo novelas gráficas reflexivas nas que toca temas como a guerra, o feminismo ou os dereitos civís.