Carlos Valle, premio "Pedra do Destino 2022" que concede o colectivo Amigos dos Museos de Galicia
Por Redacción
O colectivo de Amigos dos Museos de Galicia, celebrou no seu espazo de cultura "Portas Ártabras", no corazón da cidade vella coruñesa, un acto no que participou o historiador Carlos Valle, que falou sobre "Pontevedra, e a peregrinación a Compostela".
Ao finalizar este acto, Felipe-Senén, presidente de Amigos dos Museos de Galicia, deu a coñecer o Premio "Pedra do Destino 2022", que precisamente nesta ocasión, e por sorpresa para o conferenciante invitado, o colectivo determinou concederllo ao mesmo Carlos Valle, "pola súa exemplar traxectoria ao cargo do Museo de Pontevedra".
Amigos dos Museos de Galicia fala do Museo de Pontevedra como "un centro e equipo de traballo referente pola súa continúa actividade e proxección, ampliando espazos, contidos, actividades e estudos... considerado como o gran Museo de Galicia".
Nesta ocasión o premio consiste na edición inmediata dun libro da autoría do mesmo premiado e que será sobre "A obra de Castelao no Museo de Pontevedra", publicación que "porá en valor o mérito de rescatar, estudar e expoñer unha obra creativa, literaria, artística e política, que corría o risco de perderse para o legado cultural de Galicia".