Celebración do Día dos Museos cun vídeo sobre o efecto local do Museo de Pontevedra
Por Redacción
Este mércores 18 celébrase o Día dos Museos e o Museo Provincial, referente cultural en Galicia, quixo sumarse á iniciativa coa elaboración dun vídeo que ao longo do día está a emitirse en bucle nunha pantalla de grandes dimensións na praza do Edificio Castelao e a través das redes sociais.
Un dos principais protagonistas desta peza audiovisual é un neno, Nuno Picón, que reside no centro histórico. El considera que o Museo fai máis divertida a zona vella e mostra o seu desexo de que sexa ampliado para poder ver máis pezas en exposición.
Antón Castro, artista e profesor universitario, tamén explica nesta proposta a súa relación co edificio museístico; da mesma maneira que a empresaria May-T Ferreiro, propietaria da cafetería Espazo 6, ou Juan Carlos Martínez, de Electrónica Martínez. que dan a súa visión sobre o dinamismo que xera a institución.
A través dun formato vídeo outras personalidades participan desta efeméride e mostran un desexo de bo futuro para o Museo de Pontevedra como é o caso da presidenta provincial Carmela Silva; o divulgador e historiador de Arte, Miguel Ángel Cajigal "El barroquista"; Lola Dopico, directora de Esdemga; a actriz Iria Pinheiro; os integrantes de Migallas Teatro, María Campos e Carlos Yus; o músico Davide Salvado; Polo Correo do Vento; o alumnado de 1º B de Educación Primaria do CEIP A Xunqueira 1; o cociñeiro Pepe Solla; a catedrática María Luisa Sobrino; o xornalista e escritor Manuel Jabois; o ilustrador Kiko da Silva; o xornalista Xavier Fortes; e a arqueóloga Beatriz Comendador, entre outras persoas que se sumaron á iniciativa.
Durante esta xornada realizáronse visitas comentadas á fonte dos xardíns de Casto Sampedro, onde se explicou aos participantes por parte do persoal do equipo de Educación as pezas que pertencen ao Museo e atópanse en diferentes zonas urbanas e rurais, recuperadas pola Sociedade Arqueolóxica historicamente. Do mesmo xeito que a fonte existen outros elementos como os cruceiros da Praza da Leña ou de Santa María ou o situado no xardín exterior das Ruínas de Santo Domingo, que pertencen ao Museo e tamén obras situadas noutras localidades como o miliario que permanece en Redondela.
VENRES MÚSICAL
O venres 20 desenvolveranse tamén actividades musicais dentro dos actos de celebración deste Día dos Museos con actuacións do alumnado do Estudo Bonobo no vestíbulo do Edificio Castelao, na praza dianteira e no claustro do edificio Sarmiento, coa participación de escolares de 4 a 6 anos; a banda do proxecto Rocklab e a actuación da banda feminina Rebel Spirits. O último concerto será ás 21.30 horas no claustro do Edificio Sarmiento a cargo de Thom Archi.
Relacionadas:
-
O Museo acolle unha mostra colectiva sobre a muller, a identidade e o xénero
Por Redacción |
-
As Ruínas de San Domingos serán escenario dun concerto sobre a figura do fotógrafo José Suárez
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra celebrará o Día dos Museos con visitas comentadas e tres concertos de artistas noveis do Estudo Bonobo
Por Oskar Viéitez |