Desakato, gran aposta dun Armadiña Rock ao que se suman catro bandas máis
Por Alejandro Espiño
O festival Armadiña Rock segue a sumar artistas ao seu cartel para a edición de 2022, que se celebrará en Combarro os días 26, 27 e 28 de agosto.
A organización continúa apostando por unha ampla mestura de xéneros, entre eles o rock, o blues, o soul ou o folclore para achegar a Combarro así as diferentes formas da cultura musical.
Un dos seus grandes atractivos será a banda asturiana Desakato, que ocupa un dos tronos do rock estatal. Aterrarán no festival co seu último disco La Miel de las Flores.
Ademais deles, o Armadiña Rock confirmou outras catro incorporacións ao seu cartel.
Sheila Patricia chegará a Combarro nun momento da súa carreira onde está a investigar na mestura de sons máis actuais e electrónicos, conservando a esencia do acústico, con un traballo tributo á cultura galega e á historia das mulleres.
O Armadiña Rock seguirá apostando polas bandas locais con O Cadelo Lunático e Fondo Norte, dúas bandas con sons moi diferentes pero que encaixan como dúas pezas de quebracabezas nun evento de raíz coma este.
E como xa vén sendo tradición volverán as Pandereireteiras de Ronsel para repartir polas rúas de Combarro esa alegría que desprenden coas cancións e as súas pandeiretas.
Todos eles sumaranse ás bandas xa anunciadas previamente: Rebeliom do Inframundo, MJ Pérez e La Quinkillada.