Xosé Lueiro e Sara Valcárcel presentan a viaxe de Fazulas en 'O ladrón de paraugas'
Por Mónica Patxot & Redacción
O escritor Xosé Lueiro e a ilustradora Sara Valcárcel presentaban na tarde deste xoves o libro 'O ladrón de paraugas' na Librería Cronopios de Pontevedra. Esta obra narra a historia do gato persa Fazulas, un personaxe que quere descubrir de que cor é o vento.
Ao longo das páxinas deste libro, o público infantil goza dunha viaxe fascinante co gato de dona Adelaida agarrado á empuñadura dun paraugas co obxectivo de lograr o seu reto. Esta historia trata cuestións tan actuais como os conflitos bélicos, a igualdade de xénero ou a situación de pobreza que sofren moitos menores no terceiro mundo. A mensaxe da obra ofrece unha visión esperanzadora.
Xosé Lueiro, autor nado en Caldas de Reis, é filólogo e xerente da Escola Municipal de Artes Escénicas do Concello da Estrada. Entre as súas obras destacan traballos como os textos dramáticos 'As papoulas do peregrino' e 'Alerta cibernética' as bandas sonoras dos musicais 'Robin Hood' e 'El zorro', que se estreou no Teatro Calderón de Madrid. Entre outros premios logrou o San Martiño de Normalización Lingüística e o Salmón de Ouro á súa traxectoria teatral.
Sara Valcárcel, natural da Estrada, é unha artista multidisciplinar que destaca polo seu proxecto denominado Noaltodopoleiro. Aborda traballos de ilustración, deseño e fotografía. Ilustrou obras como 'Call me Sinbad', de Francisco Castro ou a cuberta de 'Un intre antes do solpor'.