A arte e a vida de Aurora Argibay Iglesias, o novo vídeo en TikTok que divulga ‘A Memoria das Mulleres’
Por Redacción
A concellería de Patrimonio e Memoria Histórica puxo en marcha o pasado mes de abril, dentro do programa 'A Memoria das Mulleres', un ciclo de creación e divulgación de pezas audiovisuais da man de tres creadoras galegas.
Nesta ocasión, María Rúa (@pradorua), Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial) foron as escollidas para divulgar as diferentes biografías de mulleres presentes na web www.dogrisaovioleta.gal
Hai apenas dous días, foi a quenda de Helena López, que publicou un vídeo adicado á vida de Aurora Argibay Iglesias, pintora pontevedresa que agora queda reivindicada a través desta peza audiovisual co fin de divulgala e dala a coñecer a un público máis mozo.
Neste caso, a creadora Helena López optou por facer un vídeo onde realiza un retrato da pontevedresa, namentres ofrece trazos da súa vida en pequenas pílulas de información textual, lembrando algúns dos seus intres vitais máis importantes e a súa relación coa xente que a acompañou en vida, amais do seu legado artístico e persoal.
O vídeo está a recibir unha chea de interaccións positivas e xa roza as mil visualizacións, ademais de aparecer compartido noutras redes sociais, amais de TikTok, plataforma orixinal na que foi publicada a peza.
Nacido no ano 2013, da man do Concello de Pontevedra, o proxecto 'A memoria das mulleres' ten como finalidade construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Un vídeo da Memoria das Mulleres repasa o labor das primeiras actrices galegas a comezos do século XX
Por Redacción |
-
A vida da curandeira Rosa Malvar Sanmartín, contada en TikTok por Sara Seco
Por Redacción |
-
María Rúa, Helena López e Sara Seco divulgarán en Tik-Tok A Memoria das Mulleres
Por Redacción |
-
Derradeiro vídeo en Tik-Tok de Memoria das Mulleres para lembrar nomes "que fixeron historia"
Por Redacción |