A historia de Emilia Docet Ríos, coñecida como a "Miss España Galeguista", preséntase no Auditorio do Grove
Por Anxo Lourido
A inauguración do Auditorio do Grove abre un período de programación cultural durante este mes de xuño neste escenario. O Concello do Grove anuncia a posta en escena o vindeiro domingo 12 de xuño, ás 20.00 horas dunha das obras que forman parte do ciclo de teatro 'Barracas', que promove a Deputación de Pontevedra.
A obra teatral titulada 'Miss Docet' será representada pola Compañía Eléctrica e ofrece a historia de Emilia Docet Ríos, unha muller coñecida popularmente como "Miss España Galeguista". Emilia Docet foi unha figura silenciada pola historia. A montaxe está dirixida por Vanesa Sotelo sobre un texto das autoras Iria Pinheiro e María Reimóndez. Precisamente, Iria Pinheiro interpreta ao personaxe sobre o escenario.
A historia da protagonista, recollida en hemerotecas, é a dunha deportista e estudante de Peritaxe Mercantil, que era militante do Partido Galeguista. No ano 1933 convertíase en Miss España portando a insignia da formación creada por Castelao e Bóveda, entre outros.
A entrada a este espectáculo é gratuíta, previa recollida de invitacións na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove a partir do mércores 8 de xuño en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas.