Féminas en Acción impulsa unha xornada literaria en Vilanova de Arousa
Por Redacción
A I Xornada Literaria que organiza a asociación Féminas en Acción desenvolverase este sábado 18 con numerosas actividades promovidas por un colectivo nado en 2021 coa intención de fomentar a igualdade, o respecto ao medio ambiente, e a defensa da liberdade sexual, de pensamento, relixión e raza.
O programa previsto para esta xornada iníciase ás 18.00 horas cun obradoiro de escritura creativa a cargo da escritora Fátima Rey. Desenvolverase no Espazo Lector Nobel e nas rúas do centro histórico de Vilanova de Arousa. É preciso inscribirse previamente no Facebook da asociación ou no seu Instagram.
A partir das 19.30 horas realizarase unha presentación dramatizada de 'Tres días e medio' do escritor Jacinto Ruiz, que asinará libros no Bar A Cofraría. O autor coruñés trata nesta obra unha historia de mulleres loitadoras tocando temas como a inmigración, o narcotráfico ou a trata de mulleres. A actriz Fátima Rey realizará a dramatización durante a presentación. Esta publicación colabora coa Asociación Kirira, que traballa para abolir a mutilación xenital feminina e para dar unha alternativa educacional e vital ás nenas de Kenya.
Ás 20.30 horas actuará o grupo de baile da Asociación O Castro de Baión no mesmo espazo. A continuación iniciarase unha andaina poética denominada 'Mulleres de sal' polas praias do Terrón. Realizaranse dramatizacións poéticas a cargo do Grupo de Teatro Aturuxo e da compañía Tatana Teatro, coa participación especial da escritora Anya Rit, do poeta Queco Fresco; do poeta e compositor Francisco Pérez Alonso e da poeta Dula Piñeiro.
As actividades concluirán con unaactuación musical do DJ Óscar no anfiteatro do Terrón. A Escola de Hostalería de Vilanova de Arousa ofrecerá un petisco gastronómico. Nesta programación colabora a concellería da Muller do Concello de Vilanova de Arousa e a Deputación de Pontevedra.