Aumenta a esixencia de calidade en Novos Valores cunha selección de 17 obras para a exposición do certame
Por Redacción
O xurado do certame 'Novos Valores' mantiña un encontro este xoves para analizar as pezas que se presentaron á edición deste 2022. Na primeira gran selección decidiron rexeitar 19 proxectos e quedar só con 17 dos 36 presentados.
Estas obras expoñeranse na mostra do concurso. Entre estes 17 traballos van seleccionarse catro premios principais. Desde a dirección do Museo exponse a decisión de esixir unha maior calidade ás propostas e, por este motivo, realizouse unha "gran criba". A organización que lidera o director do Museo, José Manuel Rey, lembra que as bolsas que se conceden neste certame son as de maior dotación económica en Galicia con 7.500 euros destinados a cada unha para que se amplíen estudos de carácter artístico.
O número de obras aspirantes é similar a outros anos, desde a modificación das bases de participación, pero desde o Museo recoñecen que o nivel descendeu respecto a outros anos polo que se decidiu seleccionar só aqueles traballos de novos creadores de arte contemporánea máis destacados.
Entre as 17 obras atópanse unha de fotografía; seis de pintura; dous de cerámica; unha audiovisual; unha de bordado sobre tea; unha serigrafía; dous gravados e tres instalacións. Con elas montarase a epxosición que se poderá visitar no Edificio Sarmiento do Museo entre o 7 de xullo e o 11 de setembro. O 5 de xullo, o xurado decidirá analizando as pezas xa instaladas aquelas que merecen os máximos galardóns coa posibilidade de que poida quedar algunha bolsa deserta.
O xurado atópase composto por María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Ramón Rozas Domínguez, xornalista cultural; Carmen Hermo Sánchez, artista e profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Pedro de Llano Neira, profesor axudante da Facultade de Xeografía e Historia da USC; e Susana González Martínez, directora da Colección de Arte da Fundación María José Jove,
Os premios Novos Valores concédense desde a Deputación de Pontevedra a artistas noveis e a súa convocatoria remóntase á segunda metade do século XIX.
Relacionadas:
-
Aberto o prazo para artistas noveis que queiran participar en Novos Valores 2023
Por Redacción |
-
Abre a exposición coas obras dos 'Novos Valores 2022' no Edificio Sarmiento
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Eva Pena, Teresa Búa, Borja Santomé e Julia Gil, 'Novos Valores 2022'
Por Redacción |
-
O Museo organiza un obradoiro de cerámica coa gañadora de Novos Valores, Nuria Rodríguez Figueiredo
Por Redacción |
-
Presentadas 49 candidaturas ao Certame Novos Valores do Museo
Por Redacción |
-
Convocado o Certame de Artes Plásticas Novos Valores con catro bolsas de 7.500 euros
Por Redacción |