Concerto cos timbres e buguinas de 111 bicicletas
Por Redacción
Tes unha bicicleta con timbre ou buguina? Apetéceche participar nunha iniciativa orixinal que en poucas ocasións se pode levar a cabo?
Se é así atende ás seguintes instrucións:
- A cita é o domingo 1 de decembro ás 12:00 horas no peirao das Corvaceiras, un espazo ben coñecido na cidade, símbolo da Pontevedra mariñeira. Pode participar calquera persoa con bicicleta con timbre. Que piden? Como os participantes constituirán unha orquestra, pantalón negro e camisa (ou semellante) branca. Sabemos que os músicos non acostuman levar casco, pero os organizadores desta iniciativa pregan que todo o mundo o utilice ese día.
- A comitiva ciclista-musical percorrerá a Avenida de Uruguai, cruzará a ría pola ponte das Correntes para continuar polo paseo de Domingo Fontán e chegar ao Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra. Este é un percorrido de aproximadamente 1.800 metros.
- No Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra atoparanse cos membros do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC). Eles darán as instrucións, cun pequeno ensaio e co percorrido e colocación que deben ter para desenvolver o concerto tal como está concibido.
- O concerto, que dura noventa segundos, desenvolverase nun tramo de aproximadamente 500 metros que discorren entre o Pavillón de Deportes e o Pazo da Cultura de Pontevedra, na rúa Alexandre Bóveda.
- Unha vez rematada a actuación e participación no proxecto, a comitiva entrará no Culturgal. Habilitarase un espazo para aparcar as bicicletas.
- Que pasa se chove? Pois, lamentablemente, se chove na mañá do domingo 1 de decembro haberá que suspender esta acción.
Os que se animen a participar nesta proposta deben inscribirse no correo electrónico: 111bicicletas@culturgal.com