Pontevedra prepara unha exposición sobre a pegada mutua entre a cidade e a súa xente
Por Alejandro Espiño
Un equipo multidisciplinar, encabezado polo deseñador Alfredo Olmedo, leva máis de seis meses traballando no que, segundo os seus responsables, será o maior proxecto expositivo "a todos os niveis" que impulsou xamais o Concello de Pontevedra.
Trátase dunha exposición que, baixo o nome "Pontevedra, a cidade e a pegada", pretende analizar a historia máis recente da Boa Vila e abordar a pegada que a cidade "deixa nos seus habitantes" e, ao mesmo tempo, a que estes teñen sobre a propia cidade.
Así o definiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que presentou este xoves unha mostra que se instalará na sala de exposicións do Pazo da Cultura entre o 15 de decembro e o 22 de marzo do próximo ano.
Pontevedra, segundo Fernández Lores, ten un "futuro esplendoroso" pero, para aproveitalo da mellor maneira posible, "hai que ter en conta o pasado" e que toda a historia da cidade "forme parte do futuro que temos por diante".
A exposición articularase ao redor de catro eixos: o río, a infancia, os personaxes e as figuras e a arquitectura e o urbanismo. Será unha mostra "moi visual e sorprendente", prometen os seus impulsores, especialmente na maneira na que se vai a mostrar a cidade.
Ademais de Alfredo Olmedo, que será o seu comisario, a mostra está coordinada polo docente Fernando Suárez, os arquitectos Vicente Picallo e Alberto Reiriz, a cronista Milagros Bará, os artistas Eduardo Outeiro e Norberto Olmedo, o cineasta Raphael Chipperfield, a deseñadora gráfica Patricia Dopico ou o responsable do arquivo municipal, Rodrigo Silva.
O fío condutor da exposición, subliñou Olmedo, será a mirada da infancia "e como a infancia conforma a súa mirada en función de onde habita", unha cuestión que para o comisario resultaba "fascinante" debido á presenza dos nenos en Pontevedra.
"Estamos moi contentos porque, a pesar da diversidade de miradas, non hai irregularidades de lectura e todo está a ser moi consensuado", engadiu o seu comisario, que adiantou que a parte visual e gráfica terá moito protagonismo na exposición.
Gran parte dese material será cedido por ata quince entidades, entre elas o Museo de Pontevedra, o Arquivo Provincial, Abanca, o IES Valle Inclán ou o Diario de Pontevedra, así como numerosos particulares que cederon imaxes de maneira desinteresada.
Aínda que a exposición mostrará a cidade actual como exemplo do "novo urbanismo", Alfredo Olmedo asegurou que o foco estará "no século pasado" e, entre outras cuestións, "rescataremos do olvido" edificios dos anos 50, 60 e 70 "que son moi interesantes".
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que será a responsable política desta mostra, apuntou que este proxecto expositivo "deu moitas voltas" ata que o Concello achou á persoa "adecuada" para lideralo, alguén "que é de Pontevedra e lle quere a esta cidade".
"Será unha exposición moi visual e con moito contido", sinalou Fouces, que se mostrou convencida de que esta proposta será "espectacular" e asombrará ao público.
Relacionadas:
-
"A cidade é a pegada", a exposición que ofrece un "poema visual" sobre a Pontevedra pasada, presente e futura
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A mirada da infancia, fío condutor da exposición "A cidade é a pegada"
Por Alejandro Espiño |
-
Charo López, protagonista de 'Los gozos y las sombras', retorna a Pontevedra para inaugurar ‘A cidade é a pegada’
Por Redacción |