Oito poetas para a cita en Pontevedra co ciclo "Rosalía en Camiño"
Por Redacción
A terceira edición do ciclo "Rosalía en Camiño: Diálogos literarios multilingües" fará parada en Pontevedra, tras as dúas citas previstas en dúas cidades moi vinculadas coa escritora, Padrón e Santiago de Compostela. Será o próximo sábado 2 de xullo.
Trátase dunhas xornadas que tratan de promover a dimensión internacional da cultura galega en xeral a través da figura de Rosalía de Castro e do Camiño de Santiago.
Participan oito poetas chegados de toda Europa: María García Díaz (Asturias), Tatiana Faia (Portugal), Jaume Coll Mariné (Cataluña), José F.A. Oliver (Alemaña) e os galegos Constantino Bértolo, Dores Tembrás, Xabier Cordal e Nieves Neira Roca.
O obxectivo de "Rosalía en Camiño: Diálogos literarios multilingües" é percorrer escenarios xacobeos e rosalianos da Terra de Iria, Compostela e Pontevedra con este grupo de poetas ao tempo que se fan unha serie de accións poéticas multilingües.
Ademais dos recitais, tamén haberá visitas guiadas polas tres localidades, abertas ao público.
No caso de Pontevedra será unha visita polo Museo de Pontevedra, que se celebrará ese mesmo sábado a partir das once da mañá.
A continuación, contra as 13:00 horas, o auditorio do propio museo, no coñecido como Edificio Castelao, será o escenario no que os oito poetas representarán o seu recital.