Retornan 'Os Xoves de Códax', a novena edición do ciclo musical
Por Redacción
Cada xoves desde o 21 de xullo ata o 18 de agosto, ás 20.30 horas, desenvolverase o ciclo musical 'Os Xoves de Códax', que este martes era presentado. O evento chega á súa novena edición cunha oferta variada de estilos fusionados con referencias ao flamenco, á música de autor, ao folk galego, ao rock e ao indie.
A terraza de Bodegas Martín Códax volverá ser o escenario no que os asistentes poderán gozar das actuacións durante os atardeceres deste verán degustando os viños das adega. Ademais, o ciclo ten un compromiso social e a recadación obtida en cada concerto será asignada a unha ONG. Durante o anteriores oito edicións recadáronse máis de 150.000 euros destinados a diferentes colectivos solidarios de Galicia.
En xullo actuarán Moisés Fernández, Josemi y los Hijos del Agobio, Paquete, Uxía Senlle, Javier Ruibal y Pedro Guerra. Mentres que os protagonistas dos Xoves de agosto serán Xabier Díaz, Antía Muíño, Pablo Lesuit, Jenny & The Mexicats, Eladio y los Seres Queridos e Las Antonias
As persoas interesadas en asistir a cada concerto do ciclo deberán adquirir a entrada, ao prezo de 25 euros, na páxina web da Bodega Martín Códax. Poñeranse á venda a partir do xoves 30 de xuño, ás 12.00 horas, para os cinco concertos de xullo e agosto. O número de entradas será de 350 por cada concerto e a compra estará limitada a un máximo de catro por persoa. Estará prohibido o acceso ao recinto de menores de idade.
As datas das actuacións serán as seguintes:
- 21 de xullo: Moisés Fernández, Josemi Carmona y los Hijos del Agobio e Paquete
- 28 de xullo: Uxía Senlle, Javier Ruibal e Pedro Guerra
- 4 de agosto: Xabier Díaz e Antía Muíño
- 11 de agosto: Pablo Lesuit e Jenny and the Mexicats
- 18 de agosto: Eladio y los Seres Queridos e Las Antonias