Nove agrupacións exaltarán diferentes músicas en Tenorio
Por Redacción
Esta fin de semana chega a terceira edición de Días da Música a Tenorio. Este mércores presentábase a programación coa presenza de Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade; José Pichel, concelleiro da parroquia; e o presidente da Banda Unión Musical de Tenorio, Manuel Pazos.
O campo da festa de Tenorio converterase no escenario para a actuación de cinco bandas, unha charanga, dous grupos de pop e de rock; e unha agrupación folclórica, coa intención de impulsar a actividade musical no Concello.
Ás 12.00 horas do sábado 2 realizarase unha audición do alumnado da Escola da Banda de Música da Unión Musical de Tenorio. A partir das 19.30 horas iniciarase o festival de bandas protagonizado pola Banda de Música 'Ateneo Musical' de Pobra do Caramiñal, a Banda de Música de Castrelo e a anfitrioa, a Banda de Música Unión Musical de Tenorio.
A Charanga Charandonga animará ao público para, a continuación, dar paso ao concerto pop rock que protagonizan os grupos Bloody Mary e Gravity.
Xa o domingo, a xornada iniciarase ás 11.30 horas cun festival de bandas escola coa participación da Banda de Música Santádega (Ourense), a Banda Xuvenil da Escola Unión de Guláns e a Banda Escola Unión Musical de Tenorio.
Pola tarde está prevista a celebración do festival da escuma a partir das 17.00 horas con diferentes actividades para o público asistente. Ás 20.30 horas finalizará esta edición coa actuación conxunta da Banda Unión Musical de Tenorio e a agrupación foclórica local 'Grupo Foula'.
Para a celebración deste encontro musical colabora o Concello e a Deputación de Pontevedra, a través de Pontegal.