Teatro e música abren a programación cultural do verán en Cuntis
Por Redacción
Este venres comezan as actividades da programación cultural prevista en Cuntis para este verán. A Praza das Árbores acollerá, a partir das 21.00 horas, unha actuación de Polo Correo do Vento, destinada a público familiar.
Esta montaxe promove a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, figura literaria que protagonizou este 2022 o Día das Letras Galegas. Os dous narradores ofrecerán fragmentos da súa obra e utilizarán recursos dinámicos e didácticos para todas as idades. A asistencia é libre e o evento conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra.
Durante o sábado 2, a Praza das Árbores acollerá o Combate Musical, unha proposta do Concello que comezará ás 21.00 horas. A música clásica e un concerto de rock permitirán ao público integrarse entre dúas fórmulas distintas de entender a actividade musical.
As interpretacións de pezas clásicas correrán a cargo da Escola de Música Municipal de Cuntis, dirixida por José Varela, coa actuación da soprano Livia Leal. Pola súa banda a cantante Merchy Treviño ofrecerá temas ao ritmo do rock.
Desde o goberno local que dirixe o alcalde Manuel Campos indican que este ano a programación cultural do verán ofrecerá diferentes eventos en puntos das parroquias do municipio coa intención de chegar a toda a poboación.