O Festival de Teatro Festivalle 2022 homenaxeará a Valle Inclán en Vilanova de Arousa
Por Redacción
A Asociación de Amigos de Valle-Inclán ven de presentar este venres a programación do Festival de Teatro Festivalle 2022 que terá lugar en Vilanova de Arousa entre os días 11 e 15 de xullo.
O encontro contará coa participación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, El Brujo, Títeres Cachirulo e Pabellón 6 para representar obras do autor sobre o escenario.
Así, a primeira das citas terá lugar o luns 11 na igrexa Vella da Pastoriza, onde Títeres Cachirulo ofrecerá o espectáculo "A cabeza do dragón". A compañía repetirá a función o día seguinte no Pazo de Vista Real-Corón.
El Brujo, pola súa banda, estreará "Luces de bohemia" o martes no Teatro-Auditorio Valle- Inclán, onde volverá o mércores con "El alma de Valle-Inclán".
Xa o xoves 14 será a quenda da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia co espectáculo "Divinas Palabras".
A compañía Pabellón 6 pechará o encontro o venres 15 coa representación "Luces de Bohemia" no Teatro-Auditorio Valle-Inclán. Todas as citas terán lugar ás 19,30 horas.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou na presentación e fixo un chamamento para redescubrir con este festival un dos autores "máis brillantes, máis creativos e máis diversos da nosa historia".
CURSO DE VERÁN
Tamén haberá un Curso de verán ao redor da figura do escritor auronsano. De martes a venres entre as 10 e 11.30 realizarase un roteiro Xacobeo Mar de Santiago na historia e a literatura coa participación de expertos na figura do intelectual.
O mércores 13 a Casa do Cuadrante acollerá a presentación do libro ‘Valle-Inclán na ópera’, coa intervención do autor da obra, José Luis Méndez Romeu.
O curso de verán completarase cun itinerario guiado pola xeografía de Valle Inclán, nun percorrido dirixido pola actriz Fátima Rey que partirá desde a Casa do Cuadrante, de martes a venres a partir das 11.30.
No acto estiveron presentes o director do Festivalle, José Luis Méndez Romeu; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán; a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti; o concelleiro de cultura do Vilanova, Javier Tourís; e o director de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo e o presidente da Asociación de Amigos de Valle-Inclán, Jose María Paz Gago.
Relacionadas:
-
O Festivalle celebrará entre o 10 e o 15 de xullo a súa segunda edición en Vilanova de Arousa
Por Redacción |
-
Rafael Álvarez, 'El Brujo': "Galicia tiene en Valle- Inclán un intelectual de talla internacional"
Por Redacción |
-
Valle Inclán en 'formato monicreques' para arrancar o festival de teatro Festivalle
Por Redacción |