Trece librarías e máis de 80 autores dánse cita nunha nova edición da Festa dos Libros
Por Alejandro Espiño
Unha edición para gozar "sen restricións". Así destacou a edil de Festas, Carme da Silva, como será o regreso da Festa dos Libros, un evento que se celebrará esta fin de semana, entre os días 8 e 10 de xullo, coa participación de trece librarías da cidade.
Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas son os establecementos que estarán na Praza da Ferraría, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:30 horas.
Durante estes tres días, a Festa dos Libros converterase nun punto de encontro de escritores e escritoras, libreiros, editoriais e amantes da lectura, demostrando que "sen libros e literatura a vida sería imposible", subliñou Da Silva.
Ademais do espazo para a venda dos libros, o evento virá acompañado dunha completa programación, que inclúe a presenza de máis de 80 autores que participarán en 89 actividades repartidas entre sinaturas de libros, presentacións, contacontos, charlas, mesas redondas ou obradoiros.
Ademais, as dúas primeiras xornadas pecharán con concertos. As actuacións musicais serán as de Protois (venres 8) e Bossa (Cora Velasco con Andrés Martínez Corbo) (sábado 9). O domingo será co espectáculo De Campos a Campos, con Nico Campos e Xesús "Chichi" Campos.
Nesta ocasión, a Festa dos Libros recoñecerá a traxectoria do escritor, xornalista e guionista Diego Ameixeiras, referente da novela negra e que vén de conseguir o prestixioso Premio da Crítica que concede a Asociación Española de Críticos Literarios.
A programación incluirá, entre outras actividades, a presentación dos novos libros de autores como Manuel Jabois, Juan Tallón, Arantza Portabales, Diego Giráldez, Carlos Callón, Cristina Pato, Antía Yáñez, Paka Díaz, Adrián Morgade, Rena Ortega ou Xosé Monteagudo.
Xosé Álvarez Castro, Afonso Eiré e Luís Rei Núñez terán o venres un faladoiro sobre memoria histórica e, o sábado, haberá un encontro sobre literatura e divulgación coa investigadora María Martinón-Torres e Miguel Ángel Cajigal Vera, máis coñecido como "El Barroquista".
O Colectivo Maiakovski desenvolverá un recital poético na tarde do venres, mentres que o sábado haberá un encontro entre Patricia Buxán, Luís Valle, Anabel Colazo e Eduard Velasco e, xa o domingo, falarán dos libros mudos as ilustradoras Susana Suniaga e Bea Gregores, a libreira Luz Gallego e Víctor Mascato Blanco de Triqueta Editora.
Haberá ademais propostas para o público infantil como o contacontos ilustrado Terra a nosa! de Polo Correo do Vento, o espectáculo literario e viaxeiro de Ana Meilán ou a presenza dunha imprenta itinerante, vagabunda e mutante: a Alouette Machine
Toda a programación da Festa dos Libros pódese consultar na páxina web do evento.