Teatro na Lama para estimular a imaxinación dos rapaces
Por Redacción
A compañía A Tropa de Trapo levou este venres o seu espectáculo 4 Monos á Alameda da Lama, onde os rapaces e rapazas do municipio coñeceron historias que os transportaron a través da súa imaxinación por escenarios moi variopintos.
Esta actividade realizouse a través da colaboración entre o Concello da Lama, o programa Ler conta moito da Xunta de Galicia e a Rede Galega de Bibliotecas. Está pensada para estimular a imaxinación para rir, para cantar e para soñar con outro mundo posible.
Esta proposta teatral dálle a volta aos emoticonos dos monos que non escoitan, non ven e non falan para que fagan todo o contrario en catro historias, que os levan a convivir coas mulleres dunha aldea, internarse na selva amazónica ou interactuar con habitantes do Sáhara.
Todo cunha innovadora e atraente posta en escena, onde forma e contido se complementan para reforzar a mensaxe.
A Tropa de Trapo é unha compañía formada por Marta Ortiz e Brais das Hortas e leva dez anos percorrendo a xeografía galega como un proxecto co que recollen e crean contos con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos.