Goyo Jiménez abre a tempada teatral en Vilagarcía cunha parodia do "american way of life"
Por Redacción
Coa chegada do outono regresan os espectáculos ao Auditorio Municipal de Vilagarcía.
A temporada teatral abrirase o domingo 25 de setembro ás 19.30 horas cos monólogos dun dos cómicos máis populares a nivel nacional, Goyo Jiménez.
O artista exporá ao público vilagarcián a súa surrealista, humorística e abraiante visión do chamado "american way of life" ("modo de vida americano"), confrontando con humor o día a día e os costumes dos estadounidenses coas nosas.
Os monólogos que ofrecerá en Vilagarcía constitúen a terceira parte dun dos espectáculos que máis popularidade lle deu e máis éxito recolleu por toda España. "Aiguantulivin America 3", un monólogo que persegue o soño do autor de lograr que "as nosas vidas sexan igual de emocionantes, glamurosas e profundas que as dos americanos". O obxectivo do espectáculo é que, mentres ese momento chega, todos nós poidamos "seguir partíndonos a caixa xuntos, ríndonos desas similitudes e diferenzas dos que viven a un e a outro lado do Atlántico".
Goyo Jiménez é un creador artístico coñecido por colaborar en diferentes programas de televisión, pero sobre todo, grazas á súa faceta como cómico ou monologuista de stand up comedy. Acumula unha vasta traxectoria profesional, académica e persoal que abrangue todos os medios, dende o seu comezo polos teatros sendo aínda moi novo, ata a televisión, o cine e a radio.
As entradas para a representación de Goyo Jiménez o 25 de setembro en Vilagarcía xa están á venda en ataquilla.com ao prezo de 20 e 18 euros (máis custos de xestión).