Estrea de "Papagena", unha revisión da ópera de Mozart en pequeno formato
Por María José Pita
A Deputación Provincial e a produtora ButacaZero estrearán o vindeiro sábado 10 de setembro no emblemático escenario das Ruínas de San Domingos de Pontevedra a ópera galega e en galego "Papagena".
Trátase dunha ópera electrónica que está baseada en dous personaxes de "A frauta máxica" de Mozart e que busca reflexionar sobre os clixés de xénero.
Está dirixida a todos os públicos, especialmente ao adolescente, e quere achegar esta modalidade musical a espazos onde non é habitual a súa representación. Deste xeito, representarase noutros cinco concellos da provincia: O Grove, Caldas, Tui, Gondomar e Bueu.
A presidenta provincial, Carmela Silva, presentaba este orixinal espectáculo da programación ConFiando Cultura, "que trae á provincia ópera ao século XXI" xunto a Iago Hermo, compositor da ópera e o libreto e director musical; Esther F.Carrodeguas, produtora e codirectora; e Xavier Castiñeira, director artístico da peza.
Carmela Silva agradeceu a ButacaZero "o compromiso con Galicia, coa cultura e a democratización da ópera". Incidiu especialmente no feito de levar o espectáculo operístico a vilas pequenas e destacou igualmente o potente elenco que vai protagonizar a obra, coa soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes, así como o propio autor da peza, Iago Hermo, que estará dirixíndoos en escena.
PAPAGENA E PAPAGENO
O espectáculo está inspirado na parella de persoas-paxaro que aparecen na obra "A frauta máxica" de Mozart: Papageno e a súa compañeira Papagena. Pero, como explicou Esther Carrodeguas, supón unha revisión da peza en clave de guión e personaxes para "revisar os conceptos machistas que existen neste mundo, neses libretos que se escribiron hai tanto e dos que non se cambia nin unha soa coma, que seguen contando o mesmo e a nosa sociedade segue vivindo o mesmo".
Partindo desta idea, Hermo decidiu cambiar a historia da parella de Papageno e Papagena. "El é un paxaro que todo o día quere cazar unha paxariña para que lle dea moitos fillos. Que pasaría se agora este personaxe vivise esta relación? Pois que sería unha relación completamente tóxica e Papagena despréndese dela durante a peza", sinalaba Carrodeguas.
Para facilitar a representación en todo tipo de escenarios, apostouse por unha instrumentación electrónica, cunha escenografía e luz que pode ir a calquera sitio.
Trala estrea o 10 de setembro, ás 21.30 horas, nas Ruínas de San Domingos, a obra percorrerá posteriormente outros cinco concellos da provincia. O sábado 24 de setembro representarase no Grove; o domingo, 9 de outubro, en Caldas de Reis; o venres, 21 de outubro, chegará a Tui; o sábado, 5 de novembro, a Gondomar; e a última función será o 19 de novembro en Bueu. A entrada require de inscrición previa no correo participa.cultura@depo.es.