Aínda, a última produción do Centro Coreográfico Galego chega a Pontevedra o 24 de novembro
Por Alejandro Espiño
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o próximo sábado 24 de novembro, ás 21:00 horas, a representación de Aínda, a quinta producción propia da historia do Centro Coreográfico Galego. ÿ a primeira que asume baixo a dirección artística de Mercedes Suárez. Trátase dun programa que reúne no mesmo espectáculo as pezas Jardí Tancat, de Nacho Duato, e Aínda, creada por Mercedes Suárez e Amaury Lebrun.
En Aínda, tres bailarinas e tres bailarines poñen en escena esta nova proposta do Centro Coreográfico Galego, a través da cal a creación actual dialoga cun emblemático título no ámbito da danza contemporánea, como é a obra que abre o programa e coa que Nacho Duato iniciou en 1983 a súa traxectoria como coreógrafo de referencia internacional.
O creador valenciano, quen estivo 20 anos á fronte da Compañía Nacional de Danza (CDN) e na actualidade dirixe o ballet do Teatro Mijáilovski de San Petersburgo, cedeu os dereitos de Jardí Tancat (Xardín pechado) para a súa representación por parte da compañía pública galega, Recrear a tradición mediterránea máis antiga, relativa aos traballos realizados no campo polos payeses e no mar polos pescadores baleares.
A creación componse tecnicamente de solos, dúos e momentos corais, que transmiten durante 20 minutos unha profunda impresión de ligazón á terra. Con iluminación de Nicolás Fischtel e produción de Carlos Iturrioz e Mediart Producciones, para a posta en escena de Jardí Tancat o Centro Coreográfico Galego contou tamén coa achega como repetidores de Hilde Koch e do coreógrafo francés Amaury Lebrun, colaborador habitual de Duato na CDN e, na actualidade, do Centro Coreográfico Galego.
Atlántico e Mediterráneo
Ademais, Lebrun asina xunto con Mercedes Suárez a segunda das pezas do programa, Aínda, creada expresamente para a unidade de danza da Xunta de Galicia. Con música de ISGA Collective inspirada en melodías tradicionais galegas e vestiario de María Villas, consta de dúas partes que se desenvolven no marco dunha mesma estrutura temática a través da que se busca reflectir sobre o escenario a riqueza cultural de Galicia.
Na súa primeira parte, ideada por Mercedes Suárez, o espírito mediterráneo do Jardí Tancat de Duato serve de referencia á hora de ofrecer un contrapunto atlántico que, sen abandonar o estilo contemporáneo, incorpora xestos e movementos da danza tradicional galega.
Pola súa banda, Amaury Lebrun introduciu a chuvia como elemento de inspiración á hora de crear a segunda parte de Aínda. Así, mentres que a primeira parte transmite un forte espírito lúdico na súa ollada cara á tradición, o coreógrafo francés propón unha mirada ao noso interior para obter unha perspectiva máis profunda e conceptual.
As entradas a función de Aínda no Pazo da Cultura de Pontevedra, que teñen un prezo que oscila entre os cinco e os oito euros, poden adquirirse a través do número de teléfono 902 504 500 ou ben na taquilla electrónica de Novacaixagalicia: www.servinova.es