Shego: "O disco novo vén forte. Gústanos abordar temas dos que non se fala moito"
Por Alejandro Espiño
Maite, Raquel, Charlotte e Aroa. As catro forman Shego, a banda madrileña que está a revolucionar o panorama musical español. Tras apenas dous anos xuntas, todo o mundo fala delas. Se aínda non sabes por que, este sábado poderás comprobalo en Marín.
Forman parte do cartel do festival Marín Vivo, que comparten con Ginebras e a DJ Inmir. "Estamos nun punto moi bo de conexión e temos un directo divertido e moi alegre", afirman as dúas primeiras nesta entrevista con PontevedraViva.
Desde o punk, o lo-fi ou o pop ata sons máis electrónicos e 'raveiros', nada se lles resiste a estas catro mulleres que, coa súa mocidade e frescura, as súas afiadas letras e o seu gran talento, prometen dar moita guerra. "Somos bastante honestas e auténticas en directo", aseguran.
Os vosos inicios, como moitas outras bandas, foron os de xuntarvos e facer música sen moitas máis pretensións pero, en apenas dous anos, estades xa encabezando festivais. Cando botades a vista atrás, que se vos vén á cabeza?
Raquel: En realidade pasáronnos tantas cousas que non podería quedarme con nada en concreto.
Maite: Ás veces teño aínda a sensación de que estamos a ensaiar no salón de casa e que nada do que está a pasar é real.
E acordádesvos do primeiro concerto?
Raquel: Pois agora que falabas de tocar en casa, veume unha imaxe á cabeza de estar nese salón, pensando en como iamos dar o noso primeiro concerto, nunha azotea con trinta persoas. Se o pensas, é bastante forte. Iso pasou hai só dous anos.
Maite: A min paréceme incrible, se penso nos inicios do grupo, a determinación que tivemos sempre, aínda sen saber onde ía chegar isto, para apuntar cara a onde fixese falta. Se ninguén nos quería ou nos coñecía, inventabámonos nós o concerto. Se non tiñamos estilista, iamos a Zara e comprabámonos cousas. Sen ningún tipo de medo. Sempre para adiante.
Nunha banda como a vosa, con catro artistas que, aínda compartindo unha filosofía en común, tedes cada unha vosa propia perspectiva, é fácil encaixar as personalidades?
Raquel: Maite e eu somos moi amigas pero é complicado cando todo transcende máis aló desa relación de amizade e hai que crear unha relación laboral. Enfrontar esas dúas cousas ás veces é difícil, pero creo que nós, igual que facemos todo o posible para que salga ben o proxecto, coidamos bastante a relación que temos entre nós, senón sería imposible.
O feito de que teñades proxectos paralelos axúdavos a osixenar o ambiente?
Maite: Creo que o que pode axudar a airear as relacións é máis ben o feito de que aínda que somos amigas entre nós e querémonos moito vimos de ambientes distintos e temos amigos moi dispares. Podémonos nutrir de todo o de fóra para logo estar xuntas e crear algo único. Se estivésemos todo o rato involucradas como amigas, quizá si sería máis complicado.
Agora estades cunha discográfica galega, de Ponte Caldelas concretamente. Que vos achegou Ernie Record neste despegamento musical que tivestes?
Raquel: Desde o principio foi súper sinxelo estar con eles, con Josiño Carballo que é como o noso xefe. Déronnos moitas facilidades para facer o que queriamos. Soas non poderiamos facelo.
Maite: O traballo de Josiño como mánager foi moi bo porque non colleu á banda e quixo catapultala á fama ao besta. Primeiro púxonos deberes. Fíxonos xirar por todos os pobos de España, facendo callo. Foi unha maneira de curtirnos. Fíxonos saír a ver o que era o mundo para poder traballar ben. Nós viñamos de non ter nin idea disto.
Con eles son os que estades a traballar para editar o voso primeiro disco. Para cando o teremos nas mans?
Raquel: O proceso vai lento pero xa está. Está todo feito desde hai bastante tempo, en realidade. Sacarémolo no momento que vexamos que teña que ser.
Maite: Este inverno sairá algún adianto xa. Temos moitísimas ganas. Levamos coas cancións xa feitas e gravadas desde hai un ano. Queremos tocalas e que a xente as escoite.
Raquel: Xa nos nosos concertos tocamos un par de cancións que estarán no disco, pero non é o mesmo. A todas gustaríanos que a xente poida escoitalas todas e ver como é o feedback. Por agora non podemos saber que lles parecen porque só as escoitaron en directo.
"Este inverno sairá algún adianto do disco. Temos moitísimas ganas. Levamos coas cancións xa feitas e gravadas desde hai un ano"
Iso si, os vosos seguidores van recoñecer o voso son neste novo disco, non?
Maite: Creo que sempre temos algo característico, entre as voces ou as melodías que son moi propias. Por moito que experimentes, sempre hai algo que nos caracteriza. Pero mólanos moito o ecléctico e escoitar outros tipos de música. Iso queriamos reflectilo no disco, que non fose repetir a mesma canción quince veces. Queriamos xogar un pouco, ver que podiamos facer.
O sábado vides a Marín, a un festival cuxo cartel -con Ginebras e Inmir- é integramente feminino. Que vos parece?
Maite: Pois xusto acabo de ver un tweet de Delaporte no que dicía que lle parecía que cando un cartel é todo masculino non se di que é un festival masculino, senón simplemente un festival, e que cando é ao revés, é un festival feminino ou feminista. Por que ten que haber esa diferenciación? Imos a un festival e, ademais, temos a sorte de compartilo con bandas incribles e que son amigas. Pero non entendo que haxa que remarcalo.
Raquel: Tamén La Zowi dixo hai pouco algo similar. Creo que non é a maneira, o meternos a todas no mesmo saco. Como somos rapazas, imos xuntalas.
Maite: O bo sería que se a representación feminina xa está aí se iguale porque é natural, non porque se xeren espazos como quen lle pon a mesa dos nenos nunha voda para que senten alí. Hai que avanzar para que estea todo tan equilibrado para que sexa o normal.
Ao fío disto que diciades, de vós adoitan dicir que sodes feministas, empoderadas, subversivas, rebeldes, activistas... cualificámosvos en certas etiquetas?
Raquel: Eu creo que iso é unha reacción fácil, identificarnos con algo moi concreto ou rechamante. A xente quédase na cabeza con que somos un grupo feminista e temos unha mensaxe concreta. Pero é un pouco ás veces un pouco canso. Temos moito máis que o feito de ser reivindicativas. Creo que o importante do grupo é que facemos música e temos inquietudes.
Maite: Estamos nun país no que a cultura está devaluadísima. Ninguén abre unha revista para ler prensa musical. Ábrela e se o que atopas é un titular rechamante, lelo. E que se pode sacar zumarento dunha banda que sae nova, que fai punk e son todo mozas? Que son rompedoras, feministas e mal faladas. É un pouco triste.
O que si é innegable é que introducistes na escena musical temas e perspectivas que antes non adoitaban chegar ao público dunha maneira tan directa. Como vos fai sentir iso?
Maite: O disco novo tamén vén forte (ri). Apetécenos moito. Igual que a nivel son gústanos probar e experimentar, gústanos expor temas dos que non se falan tanto e que son importantes. Pódese facer música deles. Non sempre ten que ser amor ou desamor.
"As letras das nosas cancións son bastante honestas e dicimos cousas que realmente nos pasan e sen poñerlle moito floreo ou adornalo moito. Iso pódenos diferenciar"
En que diriades que marcades a diferenza con respecto ao panorama musical actual?
Maite: Quizais as letras das nosas cancións son bastante honestas e dicimos cousas que realmente nos pasan e sen poñerlle moito floreo ou adornalo moito. Iso pódenos diferenciar. E nos concertos nótase que hai moi boa enerxía entre nós.
Raquel: De feito, nos concertos onde non nos coñecen sempre nos levamos un feedback moi bo. Somos bastante honestas e auténticas en directo. Cando estamos a tocar estamos a facer algo que nos gusta moito e procuramos pasalo moi ben.
E un gran sentido do humor, non?
Raquel: Da hostia (ri).
Maite: É comedia todo o tempo. Temos o set preparado e sabemos o que imos facer, pero o tema de falar sáenos só. De súpeto a unha crúzaselle o cable e conta un chiste.
Pasouvos que alguén vos dixo 'botade o freo' cos comentarios?
Maite: A verdade é que non. Déixannos ser.
Raquel: Ninguén nos dixo que paremos os pés. Eu creo que é porque o facemos xenial.
Maite: Nós mesmas eu creo que antes nas entrevistas eramos moi bastas, falabamos todo dunha forma máis desenfadada e cando as liamos ou as escoitabamos diciamos "miña nai". Non podiamos saír así. Iso si o corriximos, pero o demais non.
Ademais, dáme a sensación que tampouco fariades moito caso a quen vos dixese algo así, non?
Maite: Non, non somos así nin no ámbito laboral nin no persoal. Ten que ver bastante coa forma de ser que temos. Se hai algo co que non estamos de acordo pero no lo expoñen ben, somos bastante cautas. Pero ás veces non nos apetece dicilo tranquilas e nos cabreamos.
O último, por agora, que escoitamos de vós foi unha colaboración con Zahara. Como foi traballar con ela e que achegastes á súa música?
Maite: Cando Zahara falounos de traballar con ela non nolo criamos moito. Sempre tiñamos a sensación de que nalgún momento ía dicir que atopara a outra persoa. Pero non, de verdade quería tocar connosco. Rompemos un pouco a canción a nivel son. Non querías punk? Pois toma. Aínda que ela chegou a dicirnos que quería máis.
Raquel: Toda a guitarra que metemos foi por mor dun ensaio con ela no que nos dixo que probásemos a darlle máis tralla. Nós aceptamos todo o que nos pediu.
E xa para terminar, retomando o do concerto en Marín, que pode esperar o público de vós?
Maite: Pois eu creo que un grupo que está nun punto moi bo de conexión entre si e un directo divertido, alegre e lindo. Creo que ver un concerto noso é bonito, non só porque te rías ou bailes, senón porque hai unha parte sentimental moi chula.