Migallas impulsa Artexoga, unha escola de artes e xogos en Monte Porreiro
Por Redacción
A compañía pontevedresa Migallas Teatro ten novo proxecto no horizonte. Abrirá este mes de outubro Artexoga, que definen como una escola de artes e xogos. Estará en Monte Porreiro.
Artexoga, segundo Carlos Yus e María Campos, baséase na necesidade de promover as relacións entre as nenas e nenos dun xeito divertido, na creación dun espazo onde desenvolvan a súa expresión artística e no fomento do uso da lingua galega entre a infancia.
Defenden que os xogos tradicionais son a ferramenta ideal para promover as relacións entre a cativada e ademais, forman parte da cultura galega, constrúen a identidade das persoas e transmítense de xeración en xeración.
Esta escola busca ser un espazo complementario á educación regrada que contribúa á formación artística das nenas e dos nenos, independentemente de que nun futuro poidan dedicarse profesionalmente á expresión artística en calquera dos seus campos.
A través de múltiples técnicas de expresión plástica, da música e do xogo dramático, as nenas e nenos poderán coñecer e gozar da obra de artistas de todos os tempos.
Este proxecto de Migallas contará cun máximo de oitenta participantes, distribuidos en catro grupos a razón de vinte nenos e nenas cada un. As idades serán de 5 a 7 anos e de 8 a 11 anos.