Os Trazantes de Tenorio representan a Galicia na Festa das Vindimas de Santarém
Por Redacción
Ata o municipio de Almeirim, no distrito portugués de Santarém, viaxaron esta fin de semana os integrantes de Os Trazantes de Tenorio. Foi para representar a Galicia na Festa das Vindimas, á que levaron unha mostra da súa tradición musical e cultural.
A agrupación galega foi a responsable de abrir este festival folclórico, no que espertaron os aplausos dos centos de asistentes.
Compartiu escenario co Rancho Folclórico Velhas Guardas de Fazendas (Almeirim), o Grupo de Bombos de Ladoeiro (Idanha-a-nova), o Rancho Folclórico Centro Cultural de Rio Moinhos (Penafiel) e o Rancho Folclórico de Almagreira (Pombal).
Este festival foi precedido por un desfile pola contorna da festa, no que todos estes grupos ían acompañando aos tractores que escenificaban as diferentes parte da vendima.
A asociación cultural Os Trazantes de Tenorio naceu no ano 1984 en Cotobade. Desde os seus inicios a agrupación loitou por difundir e manter viva a tradición galega do xeito máis fidedigno á realidade da época.
Na actualidade conta cunha escola que ofrece clases de baile tradicional, gaita, percusión, canto e pandeireta para todas as idades e todos os niveis e clase de música e movemento para que os máis cativos se acheguen á tradición por medio do xogo.