Amizades de todo tipo centran o contido do ciclo proxeccións dos venres na Casa das Campás
Por Redacción
"Ten un tesouro" é o título do ciclo de proxeccións que a Vicerreitoría do campus pon en marcha neste primeiro cuadrimestre. Inclué unha ducia de visionados nas tardes dos venres, entre este 30 de setembro e o 13 de xaneiro.
O contido deste ciclo versa sobre as amizades equívocas e outras que medran en contextos nos que ninguén pensaría que poderían medrar. “A amizade forma parte dos núcleos argumentais básicos de moitísimas películas, aínda que aparentemente non sexa así”, engade o coordinador do ciclo Suso Novás.
Con entrada libre ata completar aforo, as proxeccións terán lugar os venres ás 19.00 horas na Casa das Campás e completaranse cun coloquio arredor do filme.
A programación arranca este venres 30 de setembro con Purasangre (1970), un filme de Cory Finley “que fala da amizade desde un punto de vista tóxico, vampírico”, e continúa o 7 de outubo con O confidente (1962), de Jean-Pierre Melville, “un dos clásicos do cinema negro francés e unha das películas que mellor revelan os conflitos unipersoais que pode supor a amizade”, sinala Novás.
A semana seguinte poderá verse The Iron Giant (1999), un filme de animación no que Brad Bird retrata “a relación entre un neno cuns condicionantes persoais moi determinados e un xigante de ferro extraterrestre, nun mundo baixo a ameaza atómica”.
O 21 de outubro exhibirase Tres camaradas (1938), do director estadounidense Frank Borzage, e pecharase o mes con L'Été l'éternité (2020), de Emilie Aussel.
Xa en novembro, a programación continúa o venres 4 con Lawn Dogs (1997), de John Duigan; Ghost World (2001), de Terry Zwigoff; Mean Streets (1973), de Martin Scorsese; e Beautiful Girls (1996), de Ted Demme.
O 3 de decembro exhibirase As mulleres (1939), de George Cukor; para seguir na semana seguinte con O xardín segredo realizada en 1993, de Agnieszka Holland; e rematar o ciclo o 13 de xaneiro do 2023 con O camiño de Cutter (1981), de Ivan Passer.
Relacionadas:
-
A Universidade e o Concello seguen traballando xuntos para que "o campus faga cidade"
Por Redacción |
-
A Casa das Campás centra os actos da Universidade de Vigo polas Letras Galegas
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
Venres de película con análise do papel da muller na industria cinematográfica
Por Anxo Lourido |