O protagonismo feminino no convento, eixo do segundo vídeo sobre as escavacións de Santa Clara
Por Redacción
Xa está dispoñible o segundo dos tres vídeos que o Museo de Pontevedra está a publicar sobre os achados das escavacións arqueolóxicas que se están a realizar en Santa Clara.
A primeira peza deu conta dos primeiros traballos nas catas: a aparición de restos de edificacións antigas e a diferenciación de novas construcións, elementos estruturais e zonas de enterramento con información valiosa para comprender a evolución do convento ao longo do tempo.
Neste segundo episodio, o coordinador do apartado histórico-artístico Suso Vila explica o protagonismo feminino que se desprende do estudo da documentación, e a restauradora da intervención, Aldara Rico Rey, fala do procesado dos materiais recollidos nas escavacións, principalmente cerámica (séculos XV a XVIII), alfinetes ou restos óseos.
Segundo Vila, doutor en Historia da Arte responsable da recollida da documentación histórica e a análise bibliográfica dos volumes que existen sobre Santa Clara en todo o relacionado co convento de Santa Clara, o protagonismo é feminino, tanto dentro dos edificios da clausura, como fóra del, en toda a cidade de Pontevedra.
En concreto, o historiador revela que ao longo de máis de 700 anos de historia houbo personaxes destacables como a fundadora Leonor Rodríguez, da casa dos Mariño, enterrada na igrexa; Leonor de Montenegro, quen promocionou o retablo maior; ou Sor María de San Antonio, quen participa na construción da sillería do coro a comezos do século XVII.
Pola súa parte, a responsable de restauración Aldara Rico Rey fala das sondaxes que se están a realizar no interior da construción e na parte da finca, onde segundo revela, destaca -tanto por número de pezas aparecidas, como pola variedade das súas formas- a cerámica atopada en diferentes niveis en función da súa antigüidade, dende o século XV ata o século XVIII.
Tamén subliña a existencia de alfinetes nos enterramentos do claustro e incluso restos dun sudario, así como numerosos restos humanos, algúns en bo estado de conservación e outros máis deteriorados.
As producións audiovisuais estanse a realizar grazas ao contrato asinado polo Museo coa unión temporal de empresas Citania, Prospectiva e Gabinete, encargada do estudo dos máis de 15.000 metros cadrados do conxunto histórico artístico.
Relacionadas:
-
Os segredos de Santa Clara: un balneario con fins comerciais no século XIV
Por Natalia Puga |
-
Santa Clara conservaba elementos orgánicos infrecuentes noutras escavacións galegas
Por Redacción |
-
Así viviron as monxas de Santa Clara durante 750 anos: xa bebían chocolate no século XVI e procedían de familias nobres
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Atopan nas escavacións de Santa Clara un anel de ouro que "ten como mínimo 500 anos"
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Así están a acometerse as escavacións arqueolóxicas en Santa Clara
Por Redacción |