A novena edición dos Premios Martín Códax da Música celebra a fin da pandemia con reivindicacións
Por Mónica Patxot & Redacción
O espírito de verbena impregnaba a gala da novena edición dos Premios da Música Martín Códax na noite deste mércores 5 no Pazo da Cultura de Pontevedra cunha proposta que serviu para celebrar o fin dos tempos de pandemia. "Para vernos as caras, os sorrisos e poder abrazarnos", aseguraba Xiana Lastra, presidenta que deixa o cargo de Músicas ao Vivo.
A gala converteuse tamén en escenario da presentación da nova directiva da entidade para os próximos anos.
O escenario do Auditorio do Pazo pontevedrés recreaba o palco dunha festa popular. A actriz e guionista Carmen Conde, de Tarabela Creativa, asumiu a dirección artística da gala cunha proposta chea de espectáculo sobre a historia e a relevancia das verbenas na cultura galega. A electrocharanga orixinaria de Negreira, a Mekanika Rolling Band, foi un elemento fundamental no desenvolvemento desta edición cos seus sete músicos ofrecendo novas propostas sonoras. O concepto e guión da gala dos novenos Premios Martín Códax da Música correu a cargo de Carmen Conde e o seu compañeiro en Tarabela Creativa, Diego Gallego, que contaron tamén coa escenografía de Bieito Miranda.
A partir das nove da noite comezaron a desvelarse, con moita expectación, os proxectos premiados nos Premios Martín Códax 2022: Airiños da Freba, na categoría Música Tradicional; Sheila Patricia, en Músicas do Mundo e Mestizaxe; a Banda Unión Musical de Meaño, en Bandas de Música Popular; e Os d’Abaixo, en Folk, foron dos primeiros galardóns da noite.
Seguiron subindo ao escenario do Pazo da Cultura a polo seu premio, Grande Amore, en Electrónica; Xosé Miguélez 4tet, en Jazz e Músicas Improvisadas; Familia Caamagno, en Rock; e Grima, na categoría de Metal. Nastasia Zürcher foi a artista premiada en Blues, Funk e Soul, Sofía Espiñeira, en Canción de Autor/a, Mamá Cabra, en Infantil e Rebeliom do Inframundo, en Músicas Urbanas. As últimas categorías repartíronse en Orquestras, Grupos e Música de Verbena, para América de Vigo; Pop e Indie, para Néboa; e Música Clásica Contemporánea para Samudra Trío.
Os Premios Organistrum recuperaron nesta novena edición o seu procedemento habitual tras a pandemia; os tres galardóns entraron tamén no proceso de inscrición xeral. No caso de Comunicación e Difusión, o proxecto premiado foi Descúbreas, o programa impulsado pola Deputación de Pontevedra para dar a coñecer ás mulleres profesionais do sector da música; en Salas o galardón foi para o local de Vilar de Santos, A Arca da Noe, e na categoría de festivais, subiu a recoller o premio a persoa representante do histórico Festival de Ortigueira.
ARTISTA EMERXENTE E ARTISTA DO ANO
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, foi a encargada de entregar o premio á Artista do Ano á cantante e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher. Esta nova categoría establecida este ano estivo aberta á votación do público co obxectivo de "incidir na expansión de proxectos e carreiras musicais".
Na outra categoría nova, Artista Emerxente, neste caso seleccionada polo xurado dos premios, a gañadora foi a cantante galega residente no País Vasco, Antía Muíño, que recolleu o galardón da man de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia. O xurado dos premios estivo integrado en 2022 por Adriana Tarela, produtora e xerente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC); Rubén Fernández, músico e docente; Pedro Iglesias, músico, produtor e técnico de son; Lois Atanes, xornalista musical; e Silvia Penide, cantautora.
NOVA DIRECTIVA DE MÚSICAS AO VIVO
Esta novena gala dos Premios Martín Códax supuxo tamén a despedida da directiva saínte de Músicas ao Vivo e a presentación da nova que se fará cargo da xestión da entidade nos vindeiros anos. Xiana Lastra, presidenta saínte, presentou sobre o escenario ás persoas que toman as rendas do proxecto: Sheila Patricia, Xavier Castro, Patty Castro, Tomás Díez, Silvia Penide e Pablo Lesuit. No seu discurso, Lastra congratulouse do espírito optimista da gala na que "despois de dous anos podemos mirarnos de novo as caras, sorrirnos, darnos unha aperta e socializar, que tamén é un dos obxectivos fundamentais dos premios". A presidenta saínte tamén se referiu á resistencia e loita da profesión para mellorar as súas condicións. "Vivimos un ano no que a produción de concertos e espectáculos ao vivo acadou cifras históricas en Galicia, pero, non nos esquezamos, só unha ínfima parte dese investimento recaíu nos proxectos feitos aquí, na nosa terra", afirmou sobre o escenario.
PREMIO HONORÍFICO 2022: 50 ANOS DE FUXAN OS VENTOS
A grande ovación da noite foi, como era de agardar, para Fuxan os Ventos, Premio Honorífico 2022, que recolleron das mans de Xoan Allegue, presidente das Bodegas Martín Códax. Desde Músicas ao Vivo destacaron que Fuxan os Ventos "non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural". O seu maior éxito discográfico foi "Sementeira", álbum publicado en 1979. A agrupación suma anos de centos de actuacións, chegando a Cataluña, País Vasco, Lisboa, Bruxelas, París, Zürich, Brest, e mesmo participando en dúas edicións do Festival Intercéltico de Lorient nos anos 1978 e 1979.
A comezos de 1983 abandonan o grupo Xosé Luís Rivas Cruz "Mini" e Baldomero Iglesias Dobarrio "Mero", para fundar A Quenlla; e Fuxan incorpora un trío de música tradicional. Continuarán un ritmo intenso de actuacións ao vivo, dentro e fóra de Galicia, ata que en 1989 realizan o seu último concerto en Segovia. Se ben Fuxan os Ventos detén a súa actividade a finais dos oitenta, volveuse escoitar a música do grupo no século XXI co seu regreso aos escenarios en 2008 e a xira 'Terra de soños', que daría lugar a un novo disco publicado en 2009.
Na laudatio de Músicas ao Vivo destacouse que Fuxan os Ventos é "un proxecto baseado na lingua propia, no folclore, na liberdade e denuncia do inxusto, así como na vontade da unión do pobo e das súas xentes". Así mesmo lembraron desde a entidade que "eles, elas espertaron consciencias cosas súas mensaxes e melodías, cantadas por toda a nosa xeografía, chegando non só a intelectualidade galega vencellada a canción protesta e os cantautores, senón tamén a Galicia de orixe rural, o pobo, nós".
Tras as dúas horas dunha gala-verbena de diversidade musical e emocións, os premios despídense atá a vindeira edición en 2023, que será a décima e que contará para a súa organización cunha nova xunta directiva.
As Bodegas Martín Códax patrocinan os Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo, que contan ademais co apoio do Concello de Pontevedra; Agadic-Xunta de Galicia; e Deputación de Pontevedra.
RELACIÓN DE PROXECTOS PREMIADOS NOS NOVENOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA
CATEGORÍAS MUSICAIS
- Música Tradicional: Airiños da Freba
- Músicas do Mundo e Mestizaxe: Sheila Patricia
- Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño
- Folk: Os d’Abaixo
- Electrónica: Grande Amore
- Jazz e Músicas Improvisadas: Xosé Miguélez 4tet
- Rock: Familia Caamagno
- Metal: Grima
- Blues, funk e soul: Nastasia Zürcher
- Canción de autora/or: Sofía Espiñeira
- Infantil: Mamá Cabra
- Músicas Urbanas: Rebeliom do Inframundo
- Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
- Pop e Indie: Néboa
- Música Clásica e Contemporánea: Samudra Trío
PREMIOS ORGANISTRUM 2022
- Salas: A Arca da Noe
- Festivais: Festival de Ortigueira
- Proxectos de Comunicación e Difusión Musical: Descúbreas
- Artista Emerxente: Antía Muíño
- Artista do Ano: Nastasia Zúrcher
- Premio Honorífico 2022: Fuxan os Ventos
Relacionadas:
-
A décima edición dos Premios Martín Códax da Música xa ten finalistas
Por Redacción |
-
Dez anos de vida para uns Premios Martín Códax da Música que volverán entregarse en xuño
Por Alejandro Espiño |
-
Regresan os 'Cantos de Taberna' ás tascas da Boa Vila da man de Fuxan os Ventos, Maravallada, Sons do Peto, Peis D’Hos e Os Carunchos
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- 'O mundo está derrotado' pero aquí están Familia Caamagno para levalo con rock e retranca
Por Marisa Ciordia |
-
A gala dos novenos Premios Martín Códax da Música converterá o Pazo da Cultura nunha verbena
Por Redacción |
-
Fuxan os Ventos, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2022
Por Redacción |
-
A Sala Karma e o Canteira Fest de Vilaboa, finalistas nos novenos Premios Martín Códax da Música
Por Alejandro Espiño |