A premiada obra de teatro infantil "Parade, o circo dos valentes" chega este domingo ao Casino de Pontevedra
Por Redacción
O festival Pequeclassics, que ata o 6 de novembro presentará en diversas cidades galegas seis espectáculos musicais dirixidos á cativada, achega este domingo a Pontevedra o espectáculo "Parade, o circo dos valentes".
É unha función na que se combinan os monicreques, o circo, a maxia e a música, chea de vitalidade, humor e tenrura, inspirada no mundo do circo clásico e con música de Satie, Poulenc e Stravinsky.
O tío Pepe e o pallaso Chochotte son unha parella de comediantes que chegan á praza do pobo e montan a súa pequena carpa de circo pero todos os artistas da compañía desapareceron.
A súa única atracción é un elefantito chamado Babar que quere ser artista pero ten medo dos humanos e non quere saír á pista. A parella de artistas terán que improvisar para que a función continúe e convencer ao elefante para que realice o seu gran número e así gañarse unhas moedas para comer.
Así se dá a coñecer a historia do elefantiño Babar que quedou orfo cando unhas persoas levaron á súa nai e a el tíñano encadeado. Un día o tío Pepe e o pallaso Chochotte rescatárono e agora vive libre con eles no circo dos valentes.
O espectáculo contén valores fundamentais como o respecto e a convivencia cos animais para vivir nun mundo mellor.
"Parade, o circo dos valentes" foi galardoado co Premio Lorca 2023 de Teatro Andaluz ao Mellor Espectáculo de Rúa e o Premio ao Mellor Espectáculo de Teatro de Feria 2021 no Festival Internacional de Teatro de Feria de Zaragoza.
As entradas atópanse xa a venda en Ataquilla desde 5 euros. O espectáculo está programado para o día 8 de outubro ás 12 e ás 18 horas no Casino de Pontevedra. A obra está recomendada para crianzas a partir de catro anos e a duración aproximada é de 47 minutos.
Relacionadas:
-
Programadas 11 novas funcións escénicas en Pontevedra dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Por Redacción |
-
'As pitas baixo a choiva', próxima obra no ciclo Domingos do Principal
Por Redacción |
-
O espectáculo "Ás para Álex", de Baobab Teatro, gaña o premio especial "Provincia Escena 2022"
Por Redacción |