Manterse e achegar á escena musical durante dezaoito anos non é mérito sinxelo. Preguntamos como se consegue aos dous invitados deste podcast 'Cara a cara'. Son Beni Ferreiro e Juanma Fernández, quen xunto a Alberto Torres e Julián López conforman a banda Igloo.
O grupo ten a súa "base de operacións" en Caldas por oriundidade dos dous primeiros; Alberto é de Cuntis e Julián de Tomiño.
Unha banda pontevedresa da que se pode presumir. Participanen festivais como o PortAmérica, Primavera Sound, Sonorama ou O Son do Camiño... e suman recoñecementos como os MIN (xa antes de que adoptasen este nome), Mestre Mateo, Martín Códax da Música ou o Premio Festival de Cans.
O próximo febreiro publicarán o seu sétimo álbum e o pasado outubro presentaron o primeiro adianto co sinxelo 'Aniversario'.
Están a vivir "a madurez da banda" e ese pouso que outorga o paso do tempo evidénciase na formulación que lles acompañou neste novo proxecto musical: "todo masticado máis lentamente e iso foi tamén máis agradecido para todos".
Rodeáronse ademais de nomes propios consolidados nesta industria, Juanma Latorre como produtor, gravaron en Metropol Estudos con Isaac Rico e contan con Pablo Camuñas como promotor.
Este último traballo ten tamén outros nomes que corresponden aos mecenas que fixeron a súa achega económica, "levámonos unha moi grata sorpresa, en cuestión de dez días estabámos ao 70% do que necesitabamos".
A estas alturas non teñen que buscar apelidos, eles fan música,"as etiquetas póñenas outros" e gozan de cada momento, como comentan en PontevedraViva Radio.