Stereotipos, Maryland y Cornelius pechan a temporada estival no Náutico de San Vicente do Mar
Por Alejandro Espiño
O verán chega ao seu fin e o Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) pretende pechar a temporada de concertos estivais ao grande. Tres dos grupos máis importantes da escena musical "indie" galega, Stereotipos, Maryland e Cornelius, presentarán en directo os seus novos traballos no privilexiado escenario da Praia da Barrosa.
Os primeiros en chegar, este mesmo venres 28 de setembro, son Cornelius. Este grupo de Vilagarcía de Arousa dará un dos seus últimos concertos antes da saída do novo disco, prevista para novembro. Como eles mesmos anuncian, unha oportunidade única de escoitar en directo algúns dos vellos temas "canciones a las que muy pronto, le daremos un merecido descanso".
Maryland, que actuarán no Náutico de San Vicente o sábado 29 de setembro, chegan a O Grove a piques de finalizar a xira de Get Cold Feet (Ernie Records, 2011) e trala recente publicación de Something to Share, un 7" con dúas cancións non incluídas na súa álbum. Será un dos últimos concertos antes do broche final que, para eles, suporá o concerto na madrileña Sala Sol, o próximo 23 de novembro.
A quenda para Stereotipos será o sábado 13 de outubro. O grupo coruñés liderado por Manuel Rodríguez Cameselle presentarán as cancións de Olas, o seu terceiro traballo discográfico. Trátase dun EP de seis cancións, publicado o pasado mes de maio, cun pé no rock americano de medios tempos e cadencias country e o outro en temas máis guitarreiros e enérxicos. Un paso adiante na carreira dun grupo que busca sempre a canción perfecta.
Estes tres concertos comezarán á hora habitual nesta sala, as 01:00 horas. As súas entradas custarán tres euros.