O Ateneo de Pontevedra propón un relatorio arredor de 'Todo chega desde o mar', de Santiago Ferragud
Por Redacción
O Ateneo de Pontevedra organiza para este venres 25 de novembro, ás 20.00 horas, un acto no Espazo Nemonon, situado no edificio Villa Pilar, no que se analizará a novela 'Todo chega desde ou mar', do autor vigués Santiago Ferragud.
O escritor estará acompañado polo editor Manuel Bragado e explicará esta obra que transcorre no ano 1972 durante a folga do metal que paralizou Vigo durante máis de quince días. Como consecuencia daquelas accións, tres anos máis tarde, varios dos folguistas fundaron GRAPO e, desde Madrid, desenvolveron atentados por todo o Estado. A novela narra o encontro entre dúas mulleres con diferentes experiencias e que senten unidas pola historia da cidade.
Trátase do primeiro traballo novelístico de Ferragud, un autor vencellado sempre á música desde que en 1965 fundou Los Temples ata que en 2010 creou Xardín Desordenado, unha banda que elabora melodías a obras de poetas de Galicia. 'Todo chega desde ou mar' está publicada por Medulia Editorial.
A entrada a este encontro literario é libre ata completar a capacidade do recinto.